O BNG de Barbadás reclama modificar a actual Ordenanza municipal de Convivencia cidadá

OurenseXa
Desde a formación nacionalista solicitarán no Pleno a modificación da Ordenanza de Convivencia Cidadá, a posta en marcha dunha campaña de concienciación e unha limpeza periódica das zonas máis afectadas
Sarin_Nuñez_bng_Barbadas
Sarín Núñez, portavoz municipal do BNG de Barbadás
8 abr 2024

 Xa vén de vello que a situación na que se encontran moitas beirarrúas, baixo e portais, no rueiro municipal efundamentalmente na Valenzá é “sinxelamente lamentábel”. O motivo segundo explica o Portavoz municipal do BNG Sarín Núñez, é porque en moitos destes lugares as nosas mascotas ouriñan día si e día tamén, sen que a ninguén semelle importarlle o máis mínimo e a sensación que se transmite cando a cidadanía circula por estas beirarrúas é dun abandono importante en cuestións de limpeza viaria e de decoro.

Núñez lembra que esta problemática ven de vello e que “desde o BNG, pedimos en varias ocasións que se escoitaran estas peticións e que se efectuaraunha limpeza máis intensa daqueles lugares que o precisaran, con actuacións que se deberan efectuar coa periodicidade debida para gañar en limpeza e decoro viario, mais isto nunca se levou adiante”.

No BNG sinalan que a día de hoxe, “hai Concellos como o da Coruña, que teñen tomado cartas no asunto, aprobando Ordenanzas municipais de protección e tenencia de animais de compañía, nasque se inclúen artigos que regulan a obrigatoriedade de limpar os ouriños dos cadelos da vía pública ou en espazos privados de uso público, cunha botella de auga ou co uso de produtos dos que se comercializan para estes cometidos”.

Desde o BNG entendemos preciso modificar a actual Ordenanza municipal de Convivencia cidadá para introducir a obrigatoriedade desta medida ao tempo que entendemos preciso levar a cabo unha campaña de sensibilización e información entre as propietarias de mascotas no noso concello, para conciencialos dos cambios na Ordenanza que se pretender materializar e que incidirán na mellora do decoro e da limpeza viaria”.

Por último, os nacionalistas solicitan que o Concello leve a cabo unha limpeza profunda, “co baldeado e desinfección, se fose o caso”, daquelas beirarrúas, baixo e portais que máis o precisen e coa periodicidade que se entenda necesaria.