O BNG de Barbadás reclama a conxelación das taxas das Escolas Deportivas

OurenseXa
No Pleno que o Concello ten previsto desenvolver este luns, os nacionalistas proporán unha conxelación de taxas que de non producirse “provocará o aumento das mesmas até nun 120%”
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
9 sep 2024

No Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo, o Concello de Barbadás aprobaba o inicio da derogación da Ordenanza de servizos educativos e facíao co voto en contra do BNG pois tal e como sinala o seu Portavoz municipal Sarín Núñez, “xa dixemos daquela que se visualizaban na proposta criterios exclusivamente económicos, non xustificados e que non introducían melloras sociais no servizo”.

Segundo Sarín Núñez, “dun tempo a esta parte obsérvase un aumento das taxas absolutamente abusivo e fóra de lugar no relativo ás Escolas Deportivas, algunhas chegando ao 120%”, e engade, “o Goberno Local de Barbadás formado polo PSdeG-PSOE e DO, vai claramente cara un modelo antisocial destes servizos que deberan ter un prezo máis ou menos simbólico para que non exclúa a ninguén pois falamos dun servizo público”.

E é que para o BNG “non hai escusa posíbel que xustifique este incremento cando, ademais, o Concello vén de recibir fondos do Estado e da Deputación Provincial”. Para os nacionalistas, a decisión de aumentar tan significativamente as taxas das Escolas Deportivas “semella que ten como obxectivo desincentivar a participación nos servizos públicos, sobre todo naqueles con moita demanda”.

“O concello ten que estar para potenciar e favorecer que as nosas familias poidan levar as súas crianzas as nosas Escolas Deportivas, nas que se deberan fomentar valores como o da integración, a diversidade ou o respeto, motivo polo que entendemos preciso a conxelación das taxas para o presente curso e favorecer así que as familias en xeral pero, sobor de todo, as que se atopan nunha situación económica máis delicada, podan inscribir as súas crianzas xa que teñen o mesmo dereito a desfrutar das nosas Escolas Deportivas”.

0.19003295898438