O BNG de Celanova pide uns orzamentos “máis ambiciosos” para o Concello

OurenseXa
Para a voceira nacionalista, Ernesta Seoane, os orzamentos municipais para o ano 2025 non responden ás expectativas e necesidades da veciñanza
Ernesta Seoane
Ernesta Seoane
9 Mar 2025

Durante a sesión plenaria celebrada na mañá deste pasado venres, o BNG fixo un chamamento ao Goberno Municipal a ser “máis ambicioso e a pensar máis a longo prazo, para construír un verdadeiro proxecto de futuro para Celanova”.

Para Ernesta Seoane, portavoz municipal do BNG, os orzamentos municipais para o ano 2025 non responden ás expectativas e necesidades da veciñanza e non contemplan un proxecto de desenvolvemento da vila e de mellora substancial dos servizos municipais. A formación nacionalista tamén insistiu na importancia de que os orzamentos sexan máis sociais e sostibles, e que se orienten de maneira efectiva ás demandas da cidadanía e do persoal do municipal.

O BNG sinalou que o concello de Celanova ten que soportar e facer fronte cos seus propios recursos a unha serie de competencias impropias e que non lle corresponden á entidade municipal, senón que lle corresponden á Xunta de Galiza do PP. “Ante este abandono da Xunta, é o concello quen ten que empregar recursos propios para afrontar competencias da Xunta como os servizos sociais, co servizo de axuda no fogar á cabeza, as escolas infantís ou o servizo de extinción de incendios , entre outros, e eses son recursos que o concello debería destinar a cuestións da súa competencia, como os servizos municipais”, explica.
Aínda que o BNG mantén unha posición crítica respecto aos orzamentos propostos polo goberno municipal, tamén recoñece a importancia de contar cun orzamento aprobado para evitar a prórroga dos anteriores, feito que complicaría a xestión municipal, limitaría a capacidade de resposta do goberno local e a veciñanza sufriría as consecuencias. Por iso, a formación nacionalista optou por unha abstención, buscando non ser un obstáculo para que Celanova dispoña dun marco orzamentario en 2025.

O BNG reafirmou o seu compromiso de fiscalizar a execución orzamentaria e de presentar propostas para optimizar a xestión dos recursos públicos. A súa posición, subliñan, non é un cheque en branco, senón un firme compromiso de traballar por unha Celanova con máis oportunidades e servizos.

Ernesta Seoane sostén que “o BNG entende a política como ferramenta de solución aos problemas e de avance social para Celanova e para o país, e actuaremos en consecuencia, pois para a veciñanza de Celanova será mellor ter estes orzamentos aprobadas, aínda que non sexan os orzamentos que o BNG faría”

⚙ Configurar cookies
0.14562702178955