O BNG de Ourense denuncia deficiencias do campo do Couto e reclama a construción dun novo estadio

OurenseXa
Solicitan ademais a intervención urxente da Xunta para a reposición do céspede do campo actual
campo-o-couto
12 Jan 2026

O BNG de Ourense levará ao vindeiro pleno do Concello a situación do Estadio do Couto, un espazo que, denuncian, “presenta diferentes deficiencias espaciais, patoloxías construtivas e problemas de accesibilidade e iluminación, ao tempo que resulta ser pouco operativo e funcional tanto para deportistas como para o público en xeral”.

As instalacións son propiedade da Xunta, lembra o voceiro nacionalista, Luís Seara, que advirte de que pese as diferentes reformas realizadas polo Goberno autonómico nos últimos anos, cunha inversión que superou os 2,5 millóns de euros, dos cales 765.307,20 euros investíronse na reforma integral do terreo de xogo, seguen sen solucionarse os problemas estruturais do espazo.

Para os nacionalistas, o estadio actual adoece de “deficiencias na accesibilidade, na iluminación, na sinalética, na megafonía ou na distribución dos espazos por exemplo”. Por iso, consideran necesario abordar de novo a construción dun novo estadio. “Precisamos un novo estadio cómodo, accesible, dinámico, moderno e funcional, máxime cando a día de hoxe soporta unha importante e continua actividade ao ser empregado por dous clubs ao mesmo tempo”, reclama Seara.

Desde o BNG, lembran que tanto no ano 2019 como no ano 2023 e con motivo das eleccións municipais, o seu grupo presentou “unha proposta moi ambiciosa e completa que ao noso entender, transcende do ámbito futbolístico xa que contribuiría a paliar a carencia de instalacións deportivas na cidade, permitindo desconxestionar as actuais”.

Dita proposta, explica, consiste na construción dun novo estadio nos terreos situados nas traseiras da actual bancada de fondo sur, onde a Xunta dispón dunha parcela de 10.000 metros cadrados coa posibilidade de ampliala con outros 27.000 metros cadrados máis.

“Consideramos que O Couto e polo tanto a cidade en xeral, precisa infraestruturas e equipamentos e neste caso concreto, avogamos porque estes, estean vinculados ao ámbito deportivo”, di Seara, que matiza que con esta proposta “o actual estadio, converteríase nunha cidade deportiva, mantendo elementos históricos que permitan lembrar o pasado como é o caso da tribuna e a súa particular cuberta, que incluíse un campo de fútbol de herba sintética, un complexo multiusos, ximnasio e pistas polideportivas cubertas para o seu uso e desfrute en calquera época do ano”.

Trátase, segundo os nacionalistas, dun proxecto “moi ambicioso, pero crible e realizable desde o punto de vista urbanístico e desde o punto de vista económico. Cómpre apostar por proxectos realistas, transformadores e que verdadeiramente dean solucións e doten á cidade das instalacións e dos equipamentos que a veciñanza no seu conxunto demanda”.

Para facelo realidade, sinala Seara, “o concurso e a colaboración institucional é fundamental”. Pos iso, levarán ao pleno “unha proposta moi concreta pero aberta ao debate, co obxectivo de sentar as bases dun verdadeiro proxecto de cidade que nos dote, neste caso concreto, das instalacións deportivas que precisamos e merecemos”.

⚙ Configurar cookies
0.091089963912964