O BNG de Ourense denuncia un novo traslado da Concellería de Educación en plena época de maior carga de traballo

O BNG de Ourense denuncia un novo traslado das dependencias da Concellería de Educación, previsto para a próxima semana, e cuestiona que o cambio de sede se produza precisamente a comezos de setembro, cando este departamento afronta unha das épocas de maior carga de traballo do curso.
A formación nacionalista considera que esta nova mudanza se suma a unha sucesión de cambios de localización que, ao seu xuízo, están a provocar gastos públicos e problemas de organización. A situación complícase, segundo denuncia o BNG, polo feito de que a páxina web da Concellería de Educación leva dez días sen funcionar, coincidindo co proceso de matriculación e xerando dificultades para as familias que necesitan realizar diferentes trámites.
Para o BNG, o traslado previsto non constitúe un episodio illado, senón "o último capítulo dunha sucesión de mudanzas sen sentido que só supoñen gasto público e desorganización". As nacionalistas lembran que hai aproximadamente un ano, tamén por estas datas, xa se barallara a posibilidade de trasladar a Concellería á Molinera, chegando incluso a prepararse as instalacións para acoller o departamento, aínda que finalmente esa opción non se materializou.
A formación nacionalista tamén fai referencia ao investimento realizado para acondicionar o espazo que ocupa actualmente a Concellería, que agora quedaría novamente sen uso debido ao novo cambio de dependencias.
O portavoz do BNG critica que se estea a destinar diñeiro e tempo a sucesivos cambios de localización que, segundo sostén, se realizan sen unha planificación definida nin un criterio estable. Ademais, incide no impacto que estas mudanzas teñen sobre o persoal municipal.
"Unha mudanza de dependencias non é pouca cousa: implica un esforzo enorme para o persoal, que ademais ten que asumilo pola súa conta e na semana de máis traballo do ano", sinala o portavoz nacionalista.
Desde o BNG reclaman que se poña fin á sucesión de traslados que cualifican de improvisados e demandan que o Concello teña en conta as condicións de traballo e o esforzo que estas decisións supoñen para os empregados e empregadas municipais.