O BNG de Ourense renova o Consello Local e marca como obxectivo a alcaldía en 2027

OurenseXa
Xurxo Rodríguez asume a Responsabilidade Local destacando o inicio dunha nova etapa
BNG Ourense renova o Consello Local
30 Dec 2024

O BNG de Ourense anunciou hoxe a renovación do seu Consello Local nunha rolda de prensa que contou coa presenza do Responsable Local saínte, Luís Seara, e o novo Responsable Local, Xurxo Rodríguez. Este relevo chega tras a celebración da XVIII Asemblea Nacional do BNG, onde Ana Pontón foi reelixida como Portavoz Nacional, e pon en marcha unha nova etapa que buscará consolidar o proxecto da formación nacionalista na cidade.

Luís Seara, portavoz municipal no Concello de Ourense, explicou que a decisión responde á necesidade de adaptarse aos novos retos da organización. “Agora que estamos moi ben política e organizativamente, é o momento de acometer mudanzas que nos permitan seguir avanzando”, destacou. O proceso foi definido como unha aposta pola renovación sen perder a experiencia acumulada, o que levou á elección unánime de Xurxo Rodríguez, actual auxiliar político do Grupo municipal do BNG no Concello. “Xurxo é a persoa axeitada para liderar esta nova etapa. A el correspóndelle ser o timonel desta nave, que conta cunha inmellorable tripulación”, afirmou Seara.

Xurxo Rodríguez, polo seu lado, agradeceu á militancia a confianza depositada na súa persoa e no novo Consello Local, destacando a importancia de continuar co traballo realizado polo equipo saínte nos últimos tres anos. “Foron anos intensos, de moita actividade, nos que se tomaron decisións importantes para a organización e para Ourense. Agora, iniciamos unha nova etapa con moitos retos por diante”, afirmou.

Entre as prioridades marcadas polo novo Responsable Local está a preparación das eleccións municipais de 2027, nas que o BNG aspira a acadar a alcaldía. “Temos que comezar a traballar xa para chegar a esa cita nas mellores condicións posibles. A veciñanza de Ourense merece unha alternativa sólida e eficaz, e nós somos quen de liderar ese cambio”, declarou Rodríguez.

O novo líder local fixo fincapé en que a formación seguirá centrada no traballo social e na proximidade coa cidadanía. “O BNG estará onde sempre estivo: a pé de rúa, escoitando á xente e atendendo as súas necesidades. Somos a única porta á que a veciñanza pode petar cando busca solucións reais”, afirmou.

O novo Consello Local queda composto por 17 membros que combinan experiencia e renovación, con nomes destacados como Daniel Gómez, Viceresponsable Local, e Noa Presas, que suma traxectoria política dentro do BNG. Este equipo liderará as accións do partido nos próximos anos, con especial foco en reforzar a presenza social e consolidar o proxecto político de cara ás municipais.

0.17303895950317