O BNG de Pereiro de Aguiar considera insuficiente a proposta da Xunta de poñer atención pediátrica só un día á semana

OurenseXa
Manifestan que a decisión de ofertar só unha tarde á semana o Servizo de pediatría no Centro de Saúde “é unha burla para a veciñanza”
Rubén García, portavoz do BNG en Pereiro de Aguiar
Rubén García
28 Jan 2025

O Grupo municipal do BNG no Concello do Pereiro de Aguiar considera que a decisión da Xunta de Galiza de ofertar só unha tarde á semana o Servizo de pediatría no Centro de Saúde “é unha burla para a veciñanza. Esta proposta, que foi recollida nos medios de comunicación esta semana, non responde ás necesidades reais das familias do noso municipio, que levan demandando un servizo de pediatría completo durante toda a semana”.

O Portavoz municipal Rubén García sinala que “desde a Asemblea Local do BNG do Pereiro de Aguiar manifestamos que esta medida é completamente insuficiente e un intento de desviar a atención da campaña que a nosa Organización acaba de finalizar. Esta campaña, que inclúe unha recollida de sinaturas, solicitaba de forma clara a ampliación do servizo de pediatría para que se ofreza todos os días da semana, atendendo así á totalidade da poboación en idade pediátrica do noso concello”.

García afirma que, “esta reivindicación non é unha demanda puntual, senón unha petición histórica de toda a veciñanza do Pereiro de Aguiar, que a nosa Organización política leva tempo trasladando tanto ao Concello como ás autoridades sanitarias”, e engade, “na mesma campaña tamén se recolleron sinaturas para a implantación do Servizo de fisioterapia no Centro de Saúde e para o incremento do cadro de persoal médico, co fin de mellorar a atención primaria e garantir unha mellor cobertura para as persoas usuarias”.

Desde a formación nacionalista lembran que “hai outras iniciativas que o BNG levou ao Parlamento Galego fai meses, como a prestación do servizo de odontoloxía e hixiene buco-dental, así como o servizo de matrona no noso centro de saúde, que aínda non tiveron resposta nin solución”.

Rubén García anuncia que “o BNG continuará traballando e facendo presión para que a veciñanza do Pereiro de Aguiar poida acceder aos servizos sanitarios que realmente necesita, con criterios de equidade e accesibilidade para toda a poboación”.

0.17075204849243