O BNG de Pereiro de Aguiar critica a posición do Goberno local que propón a navegación no encoro de Cahamuíña

O BNG no Concello do Pereiro de Aguiar amósase contrario ao proxecto defendido polo Goberno Local do PP de facer navegable o encoro de Cachamuíña, proxecto que rexeitan tanto a CHMS como o Concello de Ourense. O Portavoz dos nacionalistas no Concello, Rubén García, lembra que "o encoro de Cachamuíña foi construído coa finalidade de almacenar auga para abastecer á presa de Castadón, que serve de subministro de auga á rede de abastecemento da cidade de Ourense nos momentos que conta con suficiente caudal”.
García insiste, “Cachamuíña, ten unha grande estiaxe, co que o seu nivel de auga baixa moito quedando nunha situación de seca importante durante moitos meses do ano”, e engade, “as verteduras incontroladas que sofre o río Loña e o seu afluente, o Grañal no seu percorrido, xunto coa seca producida no verán, provoca que no encoro de Cachamuíña afloren na súa superficie cianobacterias con risco grave para a saúde e un cheiro que afecta incluso ás vivendas próximas”.
Para o BNG, a intención de converter en navegable dito espazo é un proxecto insostible, “por ser unha presa de abastecemento á unha cidade como a de Ourense, unido a que ten un importante problema de contaminación xa que se trata dun encoro pequeno con escaso caudal”. Os nacionalistas insisten na necesidade de corrixir os déficits de contaminación do río Loña e do seu afluente como “os grandes retos que deben afrontar as Administracións públicas, nomeadamente a Confederación Hidrográfica e o Concello do Pereiro”.
Rubén García conclúe reiterando a posición do BNG. “Avalamos que se desestimaran ás alegacións presentadas polo Concello do Pereiro de Aguiar e que o TSXG rexeitou, dando validez á resolución da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que impedía o uso de embarcacións nesta paraxe tan singular, paraxe que non precisa da súa navegabilidade para observar a súa fermosura e desfrutar dela".