O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia o "gasto inxustificado" do Concello no alugueiro dun local sin usar

Trátase do local que acollía a antiga sede de Abanca, que ten un custo para o Concello de 500 euros ao mes
Antiga sede de Abanca de Xunqueira de Ambía
Antiga sede de Abanca en Xunqueira de Ambía
22 Out 2024

O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia que o goberno local leva gastados ata o día de hoxe un total de 3.500 euros no aluguer dun espazo pechado, sen programación de actividades propias do Concello. Trátase do local que acollía a antiga sede de Abanca, que ten un custo para o Concello de 500 euros ao mes, resultantes do contrato de aluguer con opción a compra asinado en abril de 2024. A opción a compra que valora o Goberno Minicipal é, segundo informan dende o BNG, de 60.000 euros.

A idea inicial, explican nun comunicado, era facer unha vivenda comunitaria, pero a idea quedou descartada, polo que de momento o pago do aluguer non ten “ningún fin”, denuncian os nacionalistas, que fan fincapé en que, no que vai de ano, “neste local só se anunciaron que se ían levar a cabo algunha das actividades do programa Rosalía, posto que a gran maioría tiveron lugar nas escolas vellas”.

Sinalan, ademais, que “o outro fin que se lle está a dar é privado, podendo solicitalo, segundo o dito polo alcalde no pleno, quen queira e o precise”.

Desde o BNG insisten en que “é necesario pensar sobre a necesidade destes gastos sen plan nin obxectivo para garantir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos, porque son de todos e todas, e para todos e todas”.

“É preocupante que o concello alugue os seus locais a 6.000 euros ao ano, ou mesmo os ceda sen custo nin contrato, mentres este local específico segue xerando gastos innecesarios, habendo locais para estas actividades: escolas vellas, baixos do pavillón e locais sociais nas aldeas”, denuncian, e rematan insistindo en que “é imposible que as contas cadren e a débeda do concello non medre ano tras ano” se se están a “malgastar” os cartos e non se ingresa diñeiro.

0.092218160629272