O BNG de Xunqueira de Ambía pide transparencia no proxecto de instalación dunha planta de biometano no concello
O BNG de Xunqueira de Ambía pide ao Concello e á Xunta de Galicia que aclaren os pormenores dun proxecto de instalación dunha planta de biometano neste concello, do que denuncian, a formación nacionalista foi coñecedora “fundamentalmente a través dos medios de comunicación”.
Explican que “segundo o xornal Dende a Limia a empresa de Ourense Sertogal S-L., presentou o proxecto aos gandeiros locais, buscando así a súa colaboración para subministrar puríns, esterco e outros residuos orgánicos necesarios para o funcionamento da planta”, pero advirten que “non se dispón detallada sobre a súa localización exacta, os sectorias emitidos ou o estado actual da iniciativa”.
Explican que “a situación e a falta de transparencia xeran incerteza entre a veciñanza e os sectores implicadas, nomeadamente tendo en conta que está previsto que en febreiro de 2025 se realice a entrega dos títulos de propiedade correspondentes á concentración parcelaria iniciada en 2001”.
Para o BNG, este entrega de títulos “ten moita relevancia co proxecto de planta, en tanto que podería ter implicacións directas sobre a localización e os dereitos reais das persoas propietarias dos terreos”.
Por iso, piden saber cal é a situación actual da planta de biometano, así como a súa localización exacta prevista, “co fin de garantir unha xestión clara e participativa”.
Ademais, cuestionan se a Xunta tivo en conta o feito de que a entrega prevista de títulos de propiedade é en febreiro de 2025 e como se vai garantir a seguridade xurídica dos afectados, así como se se emitiron informes por parte das consellerías competentes en materia de industria, medio ambiente e ordenación do territorio, e cal será o impacto ambiental da planta.