O BNG defende no Parlamento Galego o traslado da estación de mercadorías ao polígono de San Cibrao

OurenseXa
Esixen impulsar o traslado coa implicación de todas as Administracións e dar así resposta a unha reivindicación histórica do tecido empresarial e social de Ourense
Iago Tabarés
25 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego levará esta semana ao Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar que a Xunta impulse, xunto co resto de administracións, o traslado da actual estación de mercadorías ferroviarias de Ourense ao Polígono de San Cibrao das Viñas. A proposta será debatida no marco da Comisión 1ª e busca dar resposta a unha demanda que o BNG cualifica de histórica para o tecido económico e social da cidade.

O deputado ourensán Iago Tabarés defende a medida asegurando que “a iniciativa, lonxe de anuncios e declaracións vacuas, pretende comprometer á Xunta na activación deste proxecto porque en Ourense levamos décadas sen proxectos estratéxicos que melloren a cidade e a comarca e que permitan o seu desenvolvemento integral”.

Segundo sinala, o desprazamento da infraestrutura suporía unha mellora loxística relevante para as empresas, ao situar a estación preto das áreas industriais. Neste sentido, engade que “o traslado da estación é un proxecto verdadeiramente transformador xa que permitirá facilitar e potenciar ás empresas o transporte de mercadorías por ferrocarril o situar a estación ao lado dos Polígonos industriais, reducindo o transporte por estrada que hoxe move máis de 120 mil camións, polo que tamén se reduciría a contaminación”.

Desde a formación nacionalista cuestionan tamén a permanencia da instalación no centro urbano, ao considerar que a súa actividade é xa reducida en comparación co conxunto do tráfico ferroviario. Afirman que “non ten sentido o mantemento da estación de mercadorías na cidade de Ourense cando actualmente só recibe o 10% do tráfico ferroviario” e engaden que o seu traslado permitiría gañar espazo urbano: “ese traslado permitiría liberar máis de 140 mil metros cadrados no barrio da Ponte, que deberían aproveitarse para mellorar a integración da cidade con maiores espazos verdes e servizos públicos. En suma, mellorar o benestar cidadá ao tempo que se contribúe a un desenvolvemento económico e industrial sustentábel”.

Finalmente, o BNG insiste en que a súa proposta busca coordinación institucional para facer realidade o proxecto: “o que pretendemos é a implicación real das administracións públicas, da Xunta, da Administración do Estado e das Administracións locais co progreso e co avance de Ourense”.

0.1238808631897