O BNG denuncia a falta de rede de sumidoiros entre Coles e Amoeiro

OurenseXa
"Os veciños levan máis de 20 anos pedindo que se implante este servizo de recollida de augas e un sumidoiro acorde aos tempos nos que vivimos", lembran desde o BNG
Xosé Manuel Puga, Concelleiro do BNG no Concello de Ourense
Xosé Manuel Puga
19 sep 2024

O BNG vén de denunciar unha vez máis a falta de rede de sumidoiros no núcleo de poboación que limita entre os concellos de Coles e Amoeiro,unha situación pola que os veciños desta zona levan anos queixándose.

“Estamos falando de un núcleo de poboación que está tan só a 10 quilómetros do centro de Ourense. Isto non ten sentido ningún nunha sociedade do ano  2024”, denuncia Xosé Manuel Puga, deputado do BNG na Deputación de Ourense.

Dende o BNG lembran que “ningún dos veciños, entre os que se inclúe una residencia de anciáns ten unha rede de sumidoiros que lle permita expulsar os seus residuos, o que constitúe un problema para os propios veciños porque teñen que facerse cargo de todo o que supón o seu propio saneamento.

Ademáis, advirten, a situación podería constituir “un problema de saúde pública, xa que poden producirse filtracións e, ademais, hai numerosos problemas cos cheiros, sobre todo nos meses do verán”.  

A situación, explican “é bastante pouco razoable, tendo en conta que por unha parte hai a escasos metros una rede de sumidoiros que percorre a liña Amoeiro-Coles e, a menos de dous quilómetros, unha depuradora que formaría parte do Concello de Vilamarín”.

Raquel Vázquez, concelleira do BNG en Coles, denuncia que “estes veciños levan máis de 20 anos pedindo que se implante este servizo de recollida de augas e un sumidoiro acorde aos tempos nos que vivimos e, de momento, ningún dos dous concellos estanse a poñer de acordo para arranxar esta situación”.

“O que reclamamos dende o BNG é unha solución desde as administracións. Hai uns fondos do proxecto CooperOU, que está financiado pola Deputación mediante o que os concellos poden financiar este servizo básico e fundamental”, lembra Xosé Manuel Puga. Piden, ademais, a colaboración da Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, xa que, sinalan, “esta entidade debería de financiar este tipo de proxectos”.

0.19457817077637