O BNG denuncia a parálise do proxecto do edificio administrativo da Xunta en Ourense

OurenseXa
Reclaman información sobre un proxecto “que leva enriba da mesa preto de 30 anos” ao tempo que consideran “unha falta total e absoluta de respecto á veciñanza de Ourense o ser a única cidade galega que carece dunha instalación destas características”
tabares-seara
24 Apr 2026

O deputado do BNG por Ourense no Parlamento galego, Iago Tabarés, e o portavoz municipal da formación, Luís Seara, compareceron este mércores para poñer o foco na situación do proxecto destinado a construír un novo edificio administrativo da Xunta na cidade. Segundo advertiron, a iniciativa atópase nun punto de “parálise” e sen información pública actualizada.

Seara abriu a comparecencia lembrando que se trata dun proxecto “aprobado xa no ano 2021 pero do cal, desde entón a hoxe pouco ou nada se sabe”. O portavoz municipal fixo referencia a unha recente sesión da Xunta de Área de Urbanismo do Concello, na que, segundo explicou, o concelleiro delegado respondeu cun “non sabemos nada” ao ser preguntado pola cuestión. Para o edil nacionalista, esta resposta “define claramente a incertidume que existe a respecto deste edificio”, o que, segundo indicou, xera numerosas dúbidas sobre o seu futuro.

Co obxectivo de obter explicacións, o BNG rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento galego. Tabarés asegurou que a súa formación leva tempo reclamando información sobre este asunto, sinalando que “o que facemos desde o BNG é volver á carga pois levamos presentado ao longo deste e da anterior lexislatura moitas preguntas e iniciativas para coñecer os pormenores dun proxecto do cal apenas sabemos nada”.

O deputado fixo ademais un repaso histórico do proxecto, que cualificou como unha sucesión de promesas incumpridas. “Esta é unha acumulación sucesiva de máis de 30 anos de promesas incumpridas. É un exemplo de planificación cero por parte da Xunta de Galiza”, afirmou, ao tempo que criticou o gasto de recursos públicos en adquisición de parcelas e alugueiros de sedes administrativas.

Na súa intervención tamén lembrou anuncios realizados en etapas anteriores de goberno autonómico, que non chegaron a materializarse, e puxo o foco en decisións máis recentes, como a compra de varias parcelas en 2020 sen que, segundo indicou, existise unha definición clara do proxecto.

Segundo explicou Tabarés, en setembro de 2023 adxudicouse a redacción do proxecto, cun prazo estimado de seis meses, pero a día de hoxe “non hai proxecto, non hai licenza, non hai absolutamente nada”.
Ante esta situación, o BNG reclama á Xunta que aclare o estado actual da iniciativa, que determine se os terreos adquiridos son axeitados e, no caso contrario, que explique que alternativas se están a valorar. Tamén esixen un calendario concreto para a aprobación do proxecto e a licitación dunha obra que, segundo lembraron, está valorada en 24 millóns de euros.

Tabarés advertiu das dúbidas existentes sobre a viabilidade técnica da localización proposta e reclamou “respecto á cidadanía ourensá, respecto a Ourense, respecto aos recursos públicos e que se dote a Ourense dese edificio administrativo que se demandaba hai dous séculos pois nin Ourense nin a veciñanza merecemos este trato”.

0.11999893188477