O BNG denuncia a suspensión das actividades dirixidas do Pavillón dos Remedios
O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de denunciar que se teñan suspendido as actividades dirixidas do Pavillón dos Remedios.
Desde a formación nacionalista sinalan que “durante todo o ano e por suposto, tamén no verán, son moitas as veciñas e veciños que asisten a estas actividades dirixidas que, por certo, xa decrecen en horas en período estival”.
O Portavoz municipal do BNG e membro do Consello Municipal de Deportes (CMD), Luís Seara, denuncia que desaparezan as actividades guiadas e sinala que “non se informou correctamente desta mudanza nas actividades dirixidas e tanto oposición como veciñanza tivemos que enterarnos por un cartaz impreciso na porta do Pavillón dos Remedios”.
Desde o Grupo Municipal do BNG sinalan que non foron poucos os problemas que acompañaron as actividades dirixidas do Pavillón neste curso, “falta de medios, de material, problemas co aire acondicionado ou coa calefacción foron unha constante todo o curso, agora xa se foi un paso máis aló, suspendéronse as actividades sen maior explicación”.
Desde o BNG critican tanto o proceder como a forma e apelan “á rectificación do Grupo de Goberno” posto que, “aínda estamos a primeiro de mes, pedimos que reflexionen e que se retomen as clases dirixidas, non se pode deixar á veciñanza sen estas actividades tan concorridas”.
Luís Seara adianta que na reunión do Consello Reitor do CMD prevista para mañá venres abordará esta cuestión, trasladándolle ao Goberno Local “o descontento e desconcerto da veciñanza ao enterarse da suspensión total das actividades dirixidas durante o mes de agosto”.