O BNG denuncia falta de apoio das administracións para facer fronte aos danos das tormentas na provincia

O Bloque Nacionalista Galego alertou da situación que atravesan numerosos concellos da provincia tras os danos causados polas tormentas do pasado inverno, que foron valorados en máis de 16 millóns de euros. O portavoz provincial da formación na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, criticou a falta de resposta tanto por parte do Estado como da Xunta, asegurando que “Estamos a denunciar que, logo xa practicamente cinco meses desde que aconteceron as graves tormentas deste inverno, que produciron múltiples danos a nivel provincial, a día de hoxe non temos respaldo de ningunha administración”.
Varela explicou que, malia que o Goberno central apuntara a posibilidade de asumir unha parte dos custos, “Desde a Subdelegación do Goberno solicitousenos información porque, teóricamente, o Estado ía poñer un 50% deses danos, pero a día de hoxe nin sabemos se iso foi aprobado nin se nos achegou esa información aos concellos”, mentres que, no caso da Xunta, indicou que tampouco hai sinais de que vaia asumir o resto do financiamento. “Polo tanto, unha vez máis, os concellos das comarcas de Ourense vémonos abandonados á nosa sorte, cunhas cargas económicas moi importantes”, engadiu.
O portavoz nacionalista tamén puxo o acento na situación da comarca da Limia, onde diferentes alcaldías chegaron a facer fronte común para reclamar axudas extraordinarias ante os importantes danos sufridos nas infraestruturas viarias. Neste sentido, lamentou que “nin sequera se sacaron as liñas de axuda habituais por parte da Xunta para o mantemento destas pistas” e advertiu das consecuencias desta situación: “Estamos xa en maio e está empezando a actividade agrícola e gandeira, e en moitos casos as pistas non están en condicións de ser transitadas nunhas condicións minimamente dignas”.
De maneira concreta, o BNG puxo como exemplo o caso do concello de Trasmiras, onde, segundo explicou a portavoz local, María do Mar, non se solicitaron as axudas habilitadas para a reparación de infraestruturas danadas. “Sacouse unha liña de axudas en febreiro para o tema das zonas afectadas polas grandes tormentas e toda a cicloxénese que sufrimos este inverno para a reparación de pistas e infraestruturas”, lembrou.
Neste sentido, criticou a actuación do goberno municipal, lembrando que outros concellos si tramitaron estas solicitudes. “O 50% está pendente por parte do Estado nos concellos que o solicitaron, pero no caso de Trasmiras non se presentou nada. Nin o goberno pediu esa parte, nin tampouco o outro 50% restante que sería competencia de solicitalo á Xunta”, afirmou.
A portavoz tamén cualificou de “contraditorias” as declaracións recentes do executivo local: “Fainos graza as declaracións desta última fin de semana cando din que se senten ignorados e decepcionados polo Goberno central e logo sacan liñas de actuacións que non se solicitan dentro do noso concello”. Ademais, advertiu do estado das infraestruturas locais: “Estamos a falar de estradas como esta, que teñen fochancas máis que evidentes e que se van desfacer por completo”.
Desde o BNG reclaman a activación urxente de axudas por parte de todas as administracións implicadas para facer fronte aos danos. “Representamos non só aos concellos nos que gobernamos, senón ao conxunto dos concellos afectados, e a demanda é clara: que esas axudas se habiliten e se habiliten xa para poder reparar todos os danos causados”, concluíu Varela.