O BNG denuncia o “destrozo” que a senda peonil está a provocar no parque Antonio Faílde
O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de denunciar os traballos que ao longo destes días se están a desenvolver no entorno do Pavillón dos Remedios na rúa Pardo de Cela, concretamente no parque Antonio Faílde e como consecuencia da construción “da tan cacarexada senda pernil por parte da Xunta de Galiza”.
Desde a formación nacionalista critican unha intervención que “se xa de por si está sendo bastante cuestionada non soamente polo seu itinerario senón tamén polo tipo de materias que se están a empregar, e non hai máis que preguntarlle á veciñanza da Avda. das Caldas, agora vemos como unha vez máis, e con total impunidade, unha das poucas zonas verdes das que temos na cidade volve ser obxecto dunha agresiva e innecesaria intervención ao noso entender”.
Quen fala é Luís Seara, Portavoz municipal do BNG quen sinala que “os ataques ao patrimonio natural no Concello de Ourense veñen sendo unha constante ao longo dos últimos anos”, e engade, “asistimos a talas masivas e inxustificadas, a desbroces e limpezas indiscriminadas así como a agresións constantes ás escasas zonas verdes e parques dos que dispomos”.
Para Seara “substituir unha zona verde por unha de cemento non é un avance é un retroceso, máxime nunha cidade como Ourense na que as altas temperaturas e a necesidade de adaptar o entorno no que vivimos ás novas condicións climáticas antóllanse non como un capricho senón como unha necesidade vital”.
“Precisamos unha cidade máis verde, máis amable e máis vivible e coas actuacións que se están a levar a cabo, entre elas, unha senda peonil máis que cuestionable e que polo que vemos xera e vai xerar máis problemas dos que xa temos, imos na dirección contraria ao que se está a facer noutros lugares de Galiza, do Estado e do mundo. As cidades camiñan cara a recuperación de espazos naturais. Menos cemento e máis verde, en Ourense imos ao rever, cada vez temos máis cemento e menos verde”.
Pasividade municipal
Desde o BNG tamén poñen o foco no silencio cómplice do actual Goberno Local e do Alcalde Jácome en particular. “Aqueles que din defender a Ourense por riba de todo e de todos, permanecen calados e asumen absolutamente todos os proxectos impulsados pola Xunta, sen dicir nada e por moi lesivos que sexan para os intereses da cidade”.