BNG e PSOE reclaman frear de inmediato as actuacións na Casa de Baños das Burgas

BNG e PSOE reclamaron este venres a paralización inmediata das actuacións que se están levando a cabo na Casa de Baños das Burgas e solicitaron a intervención da Xunta de Galicia para garantir a protección do inmoble, integrado no conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
O BNG pide á Administración autonómica que actúe para deter o derrubamento e que, se fose necesario, empregue a vía xudicial para esixir responsabilidades. A formación considera especialmente grave que se interveña nun edificio con protección estrutural e atribuído ao arquitecto Vázquez Gulías.
O portavoz municipal nacionalista, Luís Seara, cualificou a situación de “escándalo” e asegurou que “a calquera particular que fixera isto apareceríalle a policía na porta da casa e levaríano detido”.
Segundo o BNG, o Concello estaría executando o derrubamento sen a autorización de Patrimonio, unha circunstancia que, segundo a formación, consta documentalmente. Os nacionalistas consideran que a actuación pode vulnerar o artigo 54 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e lembran que a Xunta ten as competencias nesta materia.
Por este motivo, reclaman ao Goberno galego que denuncie os feitos ante os tribunais por, segundo a súa valoración, non se ter acatado a propia orde de protección. Tamén aseguran que xa advertiran de que a intervención se estaba realizando sen proxecto e sen pasar pola comisión de patrimonio.
Seara cualifica o sucedido como “o colofón a anos de desidia e abandono” e lembra que existía un acordo para rehabilitar e poñer en valor a Casa de Baños. O portavoz do BNG acusa o goberno de Jácome de non ter actuado para protexer o edificio, que permaneceu durante anos exposto ás inclemencias meteorolóxicas e sen peche nin vixilancia para evitar accesos e expolios.
O socialista, pola súa banda, tamén reclama unha actuación urxente da Xunta. A voceira municipal do PSOE, Natalia González, rexistrou dous escritos ante as administracións competentes para solicitar unha inspección presencial do inmoble, a comprobación das autorizacións patrimoniais e a adopción das medidas de suspensión que correspondan.
“Non podemos esperar a que remate a demolición para saber se era legal. Estamos falando dun elemento integrante dun BIC e cada actuación irreversible que se execute sen as debidas garantías supón unha perda patrimonial que quizais xa non se poida reparar”, sinala González.
O PSOE pide á Xunta que comprobe se o Concello dispón das autorizacións necesarias e, no caso de que non existan, que ordene a suspensión inmediata das actuacións. Tamén reclama que se adopten medidas para conservar os elementos que aínda poidan ser preservados.
“Queremos saber que autorizou o Concello e quen asumiu esa decisión”, advirte González, que tamén é secretaria xeral do PSOE na cidade.
A formación socialista solicitou ademais ao Concello de Ourense a convocatoria extraordinaria e urxente dunha Xunta de Portavoces e a comparecencia do concelleiro responsable de Urbanismo e Patrimonio, Francisco Lorenzo. O obxectivo é que explique as actuacións realizadas e detalle “que se está facendo, quen o autorizou, con que informes técnicos e xurídicos, que autorizacións patrimoniais existen e que comunicacións mantivo o Concello coa Xunta de Galicia”.
Os socialistas reclaman igualmente que se identifiquen, documenten e custodien os elementos orixinais ou de interese patrimonial que fosen retirados ou desmontados durante os traballos, especialmente as antigas bañeiras e outros elementos relacionados co uso termal histórico do inmoble.
González considera que o Executivo de Gonzalo Pérez Jácome debe abandonar o “silencio” e facilitar información tanto aos grupos municipais como á cidadanía. “A Casa de Baños non é un edificio calquera. Forma parte do patrimonio histórico de Ourense e, por tanto, o Goberno municipal ten unha responsabilidade directa na súa conservación. O que estamos pedindo é moi sinxelo: legalidade, transparencia e protección do patrimonio”, conclúe.
O BNG, pola súa parte, considera que a situación ten suficiente gravidade como para que a Xunta empregue todas as vías previstas pola lei, incluído o artigo 323 do Código Penal, para determinar e esixir as responsabilidades que correspondan.
O PSOE anuncia tamén que continuará polas vías administrativas e legais necesarias para garantir a protección da Casa de Baños e determinar se as actuacións realizadas contan con todas as autorizacións esixibles, así como para depurar as responsabilidades que puidesen derivarse se se detectan incumprimentos.