O BNG esixe ao Goberno explicacións polos incendios atribuídos ao paso dun tren de mercadorías en Ourense

GaliciaXa | OurenseXa
Carme da Silva reclama aclarar as causas do suceso, identificar a empresa operadora e reforzar o mantemento e a prevención nas marxes da vía tras repetirse un episodio similar ao do pasado verán
carme-da-silva-senado
17 Jul 2026

O BNG urxe ao Goberno do Estado a depurar responsabilidades polo corte da liña ferroviaria convencional entre Ourense e O Irixo, despois de que o paso dun tren de mercadorías provocase presuntamente ata oito incendios forestais ao longo do trazado entre Ourense e Maside.

Segundo explica a formación nacionalista, os lumes obrigaron a interromper a circulación ferroviaria e provocaron a cancelación de cinco servizos con orixe e destino no Carballiño e Santiago. As persoas viaxeiras tiveron que ser trasladadas por estrada mentres un operativo terrestre e aéreo traballaba na extinción dos incendios.

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, considera que “é un feito de enorme gravidade que non pode despacharse como un incidente puntual”. Ao seu xuízo, “estamos ante un episodio que xa se produciu o pasado ano e que evidencia que non se adoptaron as medidas necesarias para evitar que volvese repetirse”.

A través desta iniciativa, o BNG solicita que ADIF e o Ministerio de Transportes esclarezan con transparencia as circunstancias do sucedido, confirmen se os incendios tiveron a súa orixe nas chispas desprendidas por un tren de mercadorías e identifiquen tanto o convoi como a empresa operadora responsable.

“Se xa existía un precedente practicamente idéntico, o lóxico era reforzar as medidas preventivas e extremar a vixilancia. O que non pode ocorrer é que un ano despois volvamos vivir a mesma situación, con risco para as persoas, para o noso monte e para un servizo público esencial como é o ferrocarril”, afirma Da Silva.

A formación lembra que en agosto do pasado ano xa se rexistrou outro incendio que, segundo sinala, tamén tivo a súa orixe nas chispas provocadas polo paso dun tren. Engade que a elevada carga vexetal, as altas temperaturas e a seca favoreceron que unhas simples faíscas acabasen desencadeando varios incendios forestais.

Por este motivo, o BNG demanda ao Executivo estatal información sobre os traballos de mantemento e limpeza realizados nas marxes desta liña ferroviaria tras os incendios do pasado verán, especialmente na provincia de Ourense. Tamén solicita coñecer as medidas de prevención implantadas por ADIF desde entón para reducir o risco de novos lumes asociados á circulación ferroviaria.

“O Goberno ten a obriga de explicar que fallou e de garantir que esta situación non se volverá repetir. A prevención non pode ficar nunha declaración de intencións cando está en xogo a seguridade das persoas, a protección do territorio e a continuidade do servizo ferroviario”, conclúe a senadora nacionalista.

0.12556290626526