O BNG esixe transparencia á Xunta sobre o CIS de Ourense e pide diálogo coa veciñanza

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, avanzou que o BNG rexistrou novas iniciativas no Parlamento galego centradas no futuro do Centro Integral de Saúde (CIS) de Nóvoa Santos. A iniciativa chega tras coñecerse que a veciñanza afectada pola actuación, que xa presentara queixas polo impacto do proxecto na planificación urbanística e nos seus intereses, continúa sen obter resposta da Xunta para abrir un proceso de diálogo.
Presas cualificou como “vergonzoso” que o Goberno galego aínda non aclarase que vai facer co proxecto seis anos despois de ser anunciado e criticou que sexa a propia veciñanza a que teña que reclamar diálogo e solucións en lugar da administración.
A deputada lembrou que “hai un mes o BNG preguntou por esta cuestión ao Conselleiro de Sanidade e reclamou unha mesa de traballo de veciñanza, profesionais e administracións para atopar unha alternativa mais o goberno deu a calada e escusas de mal xestor como resposta”.
Desde o BNG consideran “escandaloso que mentres Vigo, Lalín e Lugo xa teñen os seus CIS funcionando a pleno rendemento Ourense o O Carballiño sigan esperando tan sequera un proxecto viable” e engaden que se trata dunha “escandalosa a neglixencia consciente da Xunta neste caso: sabían que reformar un edificio que non pode medrar ao ancho era un problema e seguiron prometéndoo, sabían que o proxecto tiña reparos técnicos e seguiron prometéndoo, xa sabían que estaba xudicializado desde 2024 e seguiron prometéndoo. Que agora se escuden na espera xudicial é unha tomadura de pelo porque ao mesmo tempo estamos vendo como a veciñanza pide diálogo e a Xunta mira para outro lado, nin buscan adaptar o proxecto nin unha localización alternativa, simplemente conxelan outro investimento para Ourense”.
Presas tamén recordou que “a Xunta prometeu no an 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías e hai que recordar que o persoal sanitario implicado tanto de atención primaria como dos servizos hospitalarios opuxéronse ás propostas da Xunta para reorganizar os servizos entre o Centro de Especialidades, o Hospital e o Centro de Saúde do Couto”.
Finalmente, a deputada nacionalista pediu á Xunta “rectificación co abandono de Ourense e que se comprometa a dialogar coa veciñanza e co persoal sanitario sobre cal debe ser a alternativa para o Centro Integral de Saúde e cal debe ser o futuro do Nóvoa Santos e dos servizos prestados”.