O BNG expresa “o seu apoio e solidariedade ás familias e membros da Plataforma ProCAPD”

OurenseXa
Dende a formación nacionalista aseguran “compartir a súa sorpresa” ante os feitos coñecidos este sábado sobre o exportavoz da plataforma
Mobilizacións da Plataforma ProCAPD Ourense
26 Jan 2025

Desde o Bloque Nacionalista Galego exprensan o seu apoio ás familias da plataforma ProCAPD de Ourense e aseguran que coñeceron onte a través dos medios de comunicación “o historial delitivo do ex portavoz de PROCAPD Rosendo Fernández”, condenado por abusar sexualmente dunha nena de 4 anos, feitos polos que foi condenado, tal e como informou este sábado La Región.

Dende a formación nacionalista, a través dun comunicado, amosan “o seu apoio e solidariedade ás familias e membros da Plataforma Procapd nestes duros momentos, compartimos a súa sorpresa, conmoción e dor”, no que tamén expresan a súa “máxima condena e rexeitamento sobre os delitos cometidos”. “Esta terrible situación debe facernos reflexionar sobre a necesidade de que as administracións públicas melloren os seus protocolos e medidas de prevención para impedir que calquera persoa que cometeu un delito destas características poida dedicarse con normalidade ao ensino ou a atención á discapacidade, pois isto demostra que se está fallando”, sinalan.

Ademais, reiteran que “aínda que esta persoa formou parte puntualmente dunha candidatura local de Coles como suplente, nunca formou parte da afiliación nin do listado de persoas simpatizantes e non tivo nin ten ningunha vinculación política co BNG. Da mesma maneira que os pais e as nais da Plataforma, nunca puidemos imaxinar que un veciño que traballaba para os servizos públicos da Xunta puidese ter este pasado”.

Por último, o BNG lanza unha mensaxe de apoio á plataforma e á súa demanda dun centro público e de xestión directa, “demanda xusta que non pode deslexitimar o feito de que unha persoa así enganara a todo o mundo nin o uso que se pretenda facer desta noticia”.

0.16549015045166