O BNG insta á Xunta a buscar unha nova localización para o Punto de Encontro Familiar de Ourense

O BNG reclama á Xunta de Galicia que estude un cambio de localización para o Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ourense, situado actualmente na Casa da Xuventude. O servizo, que atende unha poboación superior ás 300.000 persoas ata a apertura prevista do novo PEF de Verín o vindeiro 1 de xullo, enfróntase, segundo a formación, a limitacións derivadas da falta de espazo e da súa organización actual.
A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, lembra que estes centros “naceron como ferramentas impulsadas para dar cumprimento do autogoberno en materia de política social e de protección das e dos menores”, e engade que a súa finalidade é “garantir a existencia dun lugar axeitado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores de familias en situacións de conflito”.
Desde a formación nacionalista sosteñen que o servizo se converteu nun recurso “imprescindible” e con demanda crecente, polo que consideran necesario que se preste en condicións óptimas. Neste sentido, Presas denuncia que a localización actual “non é axeitada porque non garante espazo suficiente, porque non garante confidencialidade e porque non garante, sobre todo, cando se trata de situacións especialmente delicadas e conflitivas como nas que pode haber concorrencia de violencia machista, a seguridade e as medidas que deben de tomarse nese momento”.
O BNG reclama ademais que a Xunta revise o funcionamento dos protocolos existentes e a súa adecuación aos compromisos en materia de violencia machista, e sinala que son recorrentes as novas sobre posibles visitas de menores con proxenitores condenados por violencia de xénero.
Así mesmo, o grupo parlamentario rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego nas que solicita información sobre a futura distribución territorial do servizo unha vez se poña en marcha o novo Punto de Encontro Familiar de Verín, cuxa apertura, segundo indican, acumula atrasos respecto das previsións iniciais.