O BNG insta ao alcalde de Ourense a impulsar unha programación municipal propia para honrar a Castelao
O BNG levará ao pleno ordinario do mes de febreiro do Concello de Ourense unha moción para pedir ao Goberno Municipal que poña en marcha un programa propio para conmemorar o aniversario de Castelao.
O Grupo municipal do BNG entende que é preciso “honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galicia. Temos a obriga de facelo sendo fieis ao seo pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político que constitúen unha unidade indisolúbel. O primeiro presidente de Galicia foi un demócrata íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao ao longo da súa vida e en todos os lugares do mundo nos que estivo, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego”.
O BNG agarda acadar o apoio do resto de Grupos da Corporación para “instar á Xunta de Galiza ao recoñecemento de Castelao como primeiro Presidente de Galicia e o Consello de Galicia como o primeiro Goberno galego da etapa contemporánea, para instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a apoiar a declaración do ano 2025 como Ano Castelao así como para que desde o Concello se impulse unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galicia, a súa obra artística e literaria e o seu humanismo e internacionalismo solidario”.
A formación nacionalista tamén quere pór o foco na situación na que actualmente se atopa a estatua homenaxe sita na Praza da Imprenta, reclamando “a adopción de todas as medidas que sexan precisas co obxectivo de protexer a súa integridade”.