O BNG levará á Deputación de Ourense unha proposta para actuar sobre propiedades abandonadas e reforzar a protección do rural

OurenseXa
A iniciativa reclama cambios administrativos e legais para facilitar a recuperación de inmobles, mellorar a prevención dos incendios e ampliar o parque público de vivenda nos concellos máis afectados polo despoboamento
Grupo provincial do BNG na deputación de Ourense María Mangana, Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela.JPG
21 Jul 2026

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense defenderá no vindeiro pleno unha moción coa que pretende impulsar un novo marco administrativo e legal que facilite a actuación das administracións sobre parcelas e construcións abandonadas. A formación considera que esta reforma permitiría reforzar a prevención dos incendios forestais, protexer os núcleos rurais e favorecer a recuperación de vivendas nos municipios afectados polo despoboamento.

A iniciativa foi presentada nunha rolda de prensa polo portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, acompañado polos deputados provinciais María Mangana e Xosé Manuel Puga.

Entre as medidas propostas figura que a Deputación asuma, mediante convenios cos concellos, a tramitación dos expedientes sancionadores derivados do incumprimento das obrigas de conservación, limpeza de biomasa e rehabilitación de parcelas e inmobles.

Ademais, o BNG solicita que a Xunta aplique de forma efectiva os instrumentos recollidos na Lei de Recuperación da Terra Agraria e na Lei de medidas fiscais e administrativas para investigar a titularidade das propiedades abandonadas e incorporalas, cando proceda, ao patrimonio público.

A moción tamén reclama a creación dun programa específico de recuperación de inmobles abandonados nos concellos de menos de 20.000 habitantes para destinalos ao parque público de vivenda. Así mesmo, insta ao Estado, a través da Dirección Xeral do Catastro mentres esta competencia non sexa transferida a Galicia, a impulsar un proceso extraordinario para identificar os propietarios das parcelas sen titular coñecido e afrontar a situación de abandono que afecta a milleiros de bens.

Durante a presentación da proposta, Bernardo Varela defendeu que “a prevención e a defensa contra os incendios non poden concibirse como políticas desvinculadas da xestión forestal, do desenvolvemento rural e da ordenación do territorio”, ao tempo que advertiu da necesidade de proporcionar ás administracións ferramentas eficaces para actuar sobre propiedades abandonadas que supoñen un risco para a seguridade das persoas e dos núcleos de poboación.

O portavoz nacionalista lembrou que a vaga de incendios do verán de 2025 puxo de manifesto, ao seu xuízo, as limitacións do actual modelo de prevención e xestión do territorio. Segundo recolle a moción, máis alá das condicións meteorolóxicas adversas, aqueles lumes evidenciaron as consecuencias acumuladas do abandono territorial, da perda de actividade agraria e forestal e da falta de medidas estruturais de ordenación do territorio.

Desde o BNG tamén denuncian que moitos concellos carecen de instrumentos eficaces para actuar cando os propietarios das parcelas son descoñecidos, non poden ser localizados ou existen múltiples herdeiros que non asumen responsabilidades sobre os inmobles. Segundo a formación, esta situación provoca que cada ano se tramiten expedientes que non chegan a resolverse, consumindo recursos municipais sen solucionar o problema.

Neste contexto, Bernardo Varela afirmou que “non é eficiente, posible nin lóxico que ano tras ano se abran expedientes a teóricos propietarios que marcharon fai décadas do País, ou ben faleceron sen que existan posibles herdeiros”, ao considerar que esta realidade dificulta o cumprimento das obrigas municipais en materia de prevención de incendios.

Segundo sostén o BNG, a reforma que propoñen permitiría mellorar a protección fronte aos incendios forestais, recuperar inmobles abandonados para incrementar o parque público de vivenda, revitalizar os núcleos rurais e reforzar a función social da propiedade, contribuíndo tamén á fixación de poboación e ao desenvolvemento do interior de Galicia.

0.13138294219971