O BNG pedirá explicacións ao Concello de Ourense pola tala de árbores na rúa Noriega Varela

Tras a asemblea veciñal celebrada onte pola tarde e a mobilización nocturna que protagonizou despois a veciñanza do barrio das Lagoas, o BNG de Ourense anunciou que reclamará explicacións ao Concello polo ocorrido coas árbores da rúa Noriega Varela. Segundo defende a formación nacionalista, esta ringleira de arboredo, con máis de medio século de antigüidade, amortecía o ruído do paso do tren pola zona e supoñía ademais un ecosistema de notable valor e biodiversidade para o barrio.
Dende o partido sublíñase que a cidade precisa ampliar os seus espazos verdes en lugar de reducilos, e ponse en dúbida o criterio empregado para retirar agora uns exemplares que levan cinco décadas no mesmo lugar sen ter representado até o momento ningún perigo. A formación reclama igualmente coñecer que información manexaba o Concello sobre esta actuación e se existe algunha previsión para compensar ou recuperar a masa arbórea perdida.
O BNG insiste en que as demandas da veciñanza das Lagoas deben ser escoitadas, despois de que a súa mobilización para tentar frear a tala non recibise resposta por parte de ningunha administración. Para as nacionalistas, este silencio institucional evidencia unha falta de conexión coas necesidades do barrio, que dende hai anos vén denunciando a perda progresiva do seu patrimonio verde, nun proceso de tala que se foi desenvolvendo de forma paulatina co paso do tempo.
Paralelamente, o partido trasladará tamén as súas esixencias a Adif, como responsable da infraestrutura ferroviaria que discorre por este treito, para que explique publicamente os motivos que levaron a talar estas árbores. O BNG considera que, antes de optar por unha medida tan drástica, deberían terse estudado alternativas menos prexudiciais para o contorno, como a poda selectiva ou o traslado dos exemplares a outro emprazamento, tendo en conta en particular a función que cumprían como pantalla verde e acústica para a veciñanza da zona.