O BNG pide á Xunta e ao Concello de Barbadás que impulsen a construción dun instituto de secundaria

O BNG de Barbadás rexistrou unha moción na que solicita a construción dun Instituto de Educación Secundaria e Bacharelato no municipio. Trátase dunha reivindicación de longa traxectoria, xa que, segundo explica a formación, a Xunta de Galicia contemplaba esta posibilidade desde hai máis de quince anos sen que se materializase ata a data.
Entre os argumentos que esgrime o BNG destaca un especialmente chamativo: Barbadás é, actualmente, o único concello de Galicia con máis de 11.000 habitantes que carece desta infraestrutura educativa.
A formación nacionalista enumera varios beneficios que traería consigo a posta en marcha deste centro. Entre eles, a redución dos desprazamentos do alumnado, unha maior facilidade para a conciliación familiar e un menor gasto en transporte escolar, cuxo custo podería reorientarse cara a outras necesidades do municipio. Así mesmo, sosteñen que un instituto propio consolidaría a Barbadás como un municipio capaz de ofrecer aos seus veciños todos os servizos necesarios para vivir, estudar e desenvolver o seu proxecto vital sen necesidade de desprazarse a outras localidades.
O BNG considera que se trata dun dos retos estratéxicos de cara aos vindeiros anos e defende que debe ser o propio Concello de Barbadás quen impulse esta demanda ante a Xunta, de xeito que a administración autonómica non poida seguir dilatando o proxecto.
A candidata do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Mónica Valencia, sinalou que, na súa opinión, iniciativas desta relevancia quedan relegadas a un segundo plano polas tensións internas que atravesa o goberno local. Nas súas palabras, "desde o BNG lamentamos que, unha vez máis —e xa van demasiados meses—, iniciativas importantes coma a do instituto queden solapadas polos vaivéns de intereses persoais e partidistas que protagonizan o día a día dun Goberno Municipal que vai á deriva e sen freos".
Valencia cualificou ademais a situación política municipal como especialmente complicada, en referencia á recente dimisión dun concelleiro do grupo Democracia Ourensana (DO), que segundo indica se tería producido por presións desde instancias provinciais ante a falta de apoio do alcalde na Deputación. Ao respecto, afirmou que "Barbadás non é unha sucursal de Ourense, nin de DO, nin do PP, nin do que lle conveña ao señor Valcárcel para a súa supervivencia política".