PSOE e BNG piden “máxima transparencia” ao goberno de Jácome ante a reapertura da discoteca Macao

OurenseXa
Os nacionalistas sinalan que “existen moitas dúbidas en torno ao proceder de Urbanismo con este expediente” e os socialistas advirten das consecuencias legais para o Concello
discoteca-macao-google-maps
Discoteca Macao, imaxe de Google Maps
3 Feb 2025

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense luns solicitará formalmente ao Concelleiro delegado de Urbanismo Francisco Lorenzo, “a convocatoria urxente dunha Xunta de Área de Urbanismo para abordar, monográficamente, todo o que está acontecendo co expediente relativo á discoteca Macao e a súa posible reapertura”.

Para o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, “existen moitas dúbidas en torno a este establecemento, cuxo cese de actividade decretouse no seu momento como consecuencia da realización de obras no seu interior sen a previa e necesaria autorización municipal”.

Seara vai máis alá ao sinalar que, “visto o expediente, chama moito a atención como reiteradamente os expedientes para a revocación da licencia de apertura non foron resoltos en tempo e forma, impedindo polo tanto dita revocación e moito máis como agora, no que o último expediente aberto tamén está na fase de caducidade, decídese obviar dita situación, promovendo o sobreseemento do mesmo e permitindo deste xeito que o local poda abrir de novo ao público”.

Para o BNG é urxente que o Concelleiro delegado de Urbanismo “compareza, ofreza todas as explicacións sobre o porqué deste proceder e responda a todas as dúbidas e preguntas que poidamos formular desde a Oposición, que xa adianto, son moitas”.

Outro dos motivos que levan ao BNG á petición dunha Xunta de Área de Urbanismo para falar monográficamente da discoteca é “a evidente inquedanza que esta posible reapertura está a xerar na veciñanza da zona pois teñen no recordo as molestias e os prexuízos sufridos por parte dun establecemento pechado e precintado no seu día pola Policía Local e ao cal se lle pretende autorizar a reapertura en base a unha licenza que non debía estar en vigor e en todo caso, sen cumprir coa normativa actual relativa a accesibilidade e seguridade”.

Finalmente, desde o BNG advirten igualmente das consecuencias que, en termos económicos pode ter para as arcas municipais, “adoptar unha decisión que poda rematar co Concello nos tribunais e tendo que facer fronte no futuro a indemnizacións de cuantiosa contía, algo que por desgraza é habitual no Concello de Ourense se de decisións urbanísticas falamos”.

O PSOE pide garantías

Dende o grupo socialista do Concello de Ourense reclaman máxima transparencia e garantías no cumprimento da legalidade antes de proceder á anunciada reapertura desta céntrica discoteca.

“Os veciños e veciñas levan anos expresando a súa desconformidade e preocupación ante a súa posible apertura debido á afectación que produciría á súa calidade de vida polas molestias e ruídos que xa sufriron no pasado, á marxe de que poida abrirse sen subsanar esas eivas legais co risco engadido que isto supón”, destaca e voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González.

Neste senso, as e os socialistas sinalan que o pasado 21 de xaneiro tivo lugar a Xunta de Área de Urbanismo e Infraestruturas do Concello de Ourense, na que dende o grupo do PSdeG partexaron unha serie de preguntas e solicitudes de información ao edil responsable da carteira, Francisco Lorenzo, sobre a posible reapertura destas instalacións na Rúa Valle Inclán da cidade e ante a preocupación veciñal manifestada ao respecto.

“Esiximos a copia do expediente completo da licenza de apertura da discoteca, e prantexamos as seguintes cuestións: Que xustificación técnica avala a reactivación da licenza que foi suspendida en 2019 por obras non autorizadas? Completouse o expediente de caducidade de licenza iniciado entón ou este permanece aberto aínda a día de hoxe? Se o local debe ser restaurado ás condicións do ano 1982 para a reactivación da licenza, cumpriría coa normativa actual en materia de seguridade, accesibilidade e prevención de riscos? Realizouse unha inspección técnica recentemente do local para determinar a súa adecuación á normativa vixente, especialmente en relación coas saídas de emerxencia, insonorización e capacidade? Que medidas están a adoptarse para evitar litixios coa veciñanza, garantindo un equilibrio entre o desenvolvemento de actividades económicas e protección do dereito ao descanso?”, enumera a portavoz do PSdeG.

Así as cousas, inciden dende o grupo socialista en que, polo momento, a resposta do executivo de Gonzalo Pérez Jácome foi nula, chegando a afirmar o concelleiro delegado descoñecer a situación actual desta licenza e a problemática asociada á mesma. “Solicitamos de maneira urxente, a través do rexistro, acceso á documentación do expediente e resposta a esta batería de preguntas, cousa que a día de hoxe, pasadas case dúas semanas seguimos sen recibir, como é habitual por parte deste goberno”, subliña tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

Á espera de recibir toda a información anteriormente requirida, que reiteraron no día de hoxe ao goberno municipal, e ao igual que o resto de grupos da oposición, as e os socialistas consideran que “tanto o alcalde como o concelleiro de Urbanismo deben comparecer publicamente para dar as explicacións demandadas e proceder á convocatoria de maneira urxente e extraordinaria dunha Xunta de Área na que se aborde de xeito individual a reapertura da discoteca Macao, con luz e taquígrafos e ante os posibles conflitos xudiciais que se poidan derivar da xestión e tramitación deste expediente de licenza e o seu posible impacto económico no futuro para as arcas municipais, ademais da posibilidade de poñer en risco a convivencia veciñal e os seus dereitos fundamentais”.

0.17280507087708