O BNG pide declarar Ourense como Zona de Mercado Residencial Tensionado

OurenseXa
A formación nacionalista reclama tamén un plan específico de vivenda para a cidade e pide a implicación do Concello na elaboración da documentación técnica necesaria
erea-blanco
Erea Blanco, BNG Ourense
2 Jul 2026

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense presentará no pleno municipal deste venres unha moción centrada na problemática do acceso á vivenda, coa que busca instar á Xunta de Galiza a declarar a cidade, ou aquelas zonas que cumpran cos requisitos establecidos, como Zona de Mercado Residencial Tensionado.

A iniciativa nacionalista inclúe ademais a proposta de elaborar un plan específico de vivenda para Ourense e solicita que o Goberno local colabore coa administración autonómica na preparación dos informes técnicos precisos para facer posible esa declaración.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Erea Blanco, a situación da vivenda converteuse nunha cuestión que require medidas inmediatas debido ás dificultades que unha parte crecente da poboación atopa para acceder a un fogar.

“Cada vez son máis as persoas que, malia ter emprego, atopan serias dificultades para acceder a unha vivenda digna, así como as persoas mozas que non poden emanciparse e as familias que ven como atopar unha vivenda a un prezo asumible resulta unha tarefa case imposíbel”, sinalou.

A formación relaciona esta situación co escenario demográfico que atravesa Ourense desde hai anos, marcado pola perda de habitantes, o envellecemento da poboación e a saída da mocidade cara a outros lugares. Na súa análise, sostén que as políticas demográficas por si soas non poden resolver esta realidade se non van acompañadas de medidas que garantan emprego, servizos públicos e acceso á vivenda.

Desde o BNG consideran que os prezos da compra e do alugueiro continúan aumentando por enriba da capacidade económica dunha parte importante da cidadanía. Tamén apuntan á existencia de vivendas baleiras e á redución da oferta residencial debido ao cambio de uso dalgúns inmobles cara ao mercado turístico.

Para Erea Blanco, a vivenda debe ser considerada un dereito esencial e non exclusivamente un recurso económico. “Non pode ser entendida unicamente como un activo económico ou un negocio, senón como un dereito recoñecido legalmente e unha condición indispensable para garantir a igualdade de oportunidades, a emancipación da mocidade e a propia supervivencia demográfica do país”, afirmou.

A declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado permitiría impulsar medidas específicas dirixidas a facilitar o acceso á vivenda para a poboación residente. Aínda que a competencia para adoptar esta medida corresponde á Xunta de Galiza, o grupo nacionalista considera que o Concello non debe manter unha posición pasiva ante un problema que afecta directamente á veciñanza.

0.12324690818787