O BNG pide reforzar as conexións en autobús entre O Carballiño e Ourense

OurenseXa
A formación nacionalista considera insuficientes os axustes de horarios aplicados este verán e reclama máis frecuencias, así como unha parada en condicións para os usuarios da liña
BNG Noa Presas
21 Oct 2026

O BNG volveu poñer enriba da mesa o transporte público por estrada que conecta O Carballiño con Ourense, un traxecto que, segundo a formación, segue sen contar cunha oferta de horarios axeitada ás necesidades da comarca.

Desde o partido lembran que esta zona supera os 25.000 habitantes, máis de 15.000 deles residentes na propia localidade, situada a menos de 30 quilómetros da cidade de Ourense, destino habitual para acceder a servizos como os hospitalarios ou os universitarios. Para o BNG, a escasa cobertura ferroviaria e os horarios limitados do autobús obrigan a boa parte da poboación a depender do vehículo privado, unha opción que consideran cada vez menos viable polo encarecemento dos custos, nun contexto no que Galiza rexistra os maiores niveis de inflación do Estado. Esta dependencia do coche afecta especialmente, sinalan, aos colectivos de maior e menor idade, que en moitos casos non poden conducir.

A formación nacionalista sostén que os cambios introducidos pola Xunta no mes de agosto resultan claramente insuficientes. Aínda que recoñecen que houbo unha modificación de horarios, afirman que o axuste foi mínimo e non responde á demanda real do servizo, tal e como —aseguran— trasladan tanto a veciñanza como o propio persoal da empresa concesionaria.

En concreto, explican que de luns a venres o primeiro servizo de saída desde O Carballiño adiantou a súa hora apenas cinco minutos, pasando ás 07.45 horas, mentres que o primeiro traxecto de volta desde o barrio ourensán das Lagoas pasou a saír ás 08.30 horas, dez minutos antes que anteriormente. O BNG considera que, especialmente no traxecto de ida, o servizo segue a ser insuficiente, xa que a chegada a Ourense prodúcese arredor das 08.15 horas se non hai atrasos, o que dificulta combinalo con desprazamentos posteriores a pé ou noutro medio de transporte cara a outras zonas da cidade, incluído o centro.

Por todo iso, o BNG reclama un incremento da oferta horaria, coa incorporación dun servizo máis madrugador e unha maior cobertura durante as fins de semana. A formación insiste ademais en que segue pendente de resolver a falta dun espazo digno de agarda para os usuarios, dado que O Carballiño carece na actualidade de estación de autobuses: a antiga instalación permanece pechada e, en principio, será demolida para dar paso ao futuro centro de saúde, mentres que a parada habilitada provisionalmente queda á intemperie. Por este motivo, piden un acondicionamento mínimo que permita aos usuarios resgardarse da choiva e do sol mentres agardan.

0.17241215705872