O BNG pide unha solución para o abastecemento de auga en A Bola e un plan provincial

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense presentou unha iniciativa que levará ao vindeiro pleno para esixir unha solución definitiva á falta de subministro de auga potable nos núcleos de Cirós e Moreiriñas, pertencentes ao concello da Bola. Segundo explica a formación nacionalista, esta carencia afecta a 21 vivendas e 53 veciños e veciñas.
A proposta do BNG non se limita a este caso concreto, senón que o encadra dentro dun problema máis amplo que, segundo denuncian, se repite en numerosos núcleos rurais da provincia. O grupo nacionalista advirte de que en distintos concellos seguen convivindo sistemas municipais de abastecemento con traídas veciñais, sen que exista unha garantía homoxénea deste servizo básico para toda a poboación. A isto engádese, sinalan, o deficiente estado de moitas redes, con perdas de auga provocadas por fugas e por infraestruturas que precisan mantemento e renovación.
Fronte a este panorama, o BNG defende un modelo baseado na planificación e na cooperación estable entre administracións, especialmente pensado para os concellos pequenos e medianos, que contan con menor capacidade técnica e económica para afrontar este tipo de obras por si sós. O grupo provincial critica así un sistema que, ao seu xuízo, depende demasiado de convocatorias puntuais de subvencións, e reclama no seu lugar unha planificación plurianual que permita aos municipios coñecer con antelación as prioridades, os recursos dispoñibles e os prazos de execución das actuacións necesarias.
O deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, explica que foron os propios veciños e veciñas de Cirós e Moreiriñas quen trasladaron ao grupo provincial a súa situación, ante a falta de resposta ás peticións presentadas no concello da Bola. Puga relata que, tras dúas décadas sen obter solución por parte do consistorio, a veciñanza afectada constituíu unha asociación para tratar de resolver os problemas de abastecemento e saneamento. Segundo indica, a petición para estender o servizo municipal de auga contou con recollidas de sinaturas hai cinco anos, repetidas de novo o pasado ano, ademais de varias xuntanzas coa rexedora municipal. Malia iso, o deputado nacionalista lamenta que a situación segue sen resolverse a día de hoxe, e que se agrava especialmente durante os períodos de estiaxe estival, cando diminúe a dispoñibilidade de auga en pozos e fontes.
Na mesma moción, o BNG reclama á Xunta de Galiza unha avaliación integral e pública do Plan de Abastecemento de Galiza 2010-2025, desagregada por concello e por sistema, que permita coñecer que obxectivos se cumpriron, que actuacións e investimentos se executaron realmente e cales quedaron pendentes. Para a formación nacionalista, esta revisión resulta imprescindible para poder identificar as necesidades actuais e evitar que a falta de planificación continúe prexudicando sobre todo aos concellos pequenos e aos núcleos rurais.
Xunto a esta avaliación, o BNG pide a aprobación urxente dun novo Plan de Abastecemento, con horizonte plurianual, financiamento comprometido e indicadores verificables, que inclúa medidas de adaptación á seca e unha atención específica ao medio rural. A proposta contempla tamén un programa estable de apoio técnico e financeiro para os concellos pequenos e medianos, así como o peche efectivo do Pacto Local da Auga, co obxectivo de avanzar cara a unha política de abastecemento asentada na planificación e na cooperación permanente entre a Xunta e os municipios galegos, en lugar de depender unicamente de convocatorias puntuais de axudas.
Os nacionalistas insisten en que o acceso á auga potable é un servizo básico que non debería depender do tamaño dos núcleos de poboación nin da súa dispersión territorial, unha circunstancia especialmente marcada nas comarcas de Ourense, onde consideran necesario reforzar a cooperación entre administracións. O BNG lembra que, aínda que as competencias nesta materia corresponden ás entidades locais, a Deputación ten tamén responsabilidade na asistencia e cooperación cos concellos, mentres que a Xunta, a través de Augas de Galiza, dispón de capacidade para impulsar actuacións de abastecemento e saneamento en todo o territorio galego.