O BNG presenta o primeiro tramo da súa candidatura para gobernar Ourense en 2027

O BNG deu a coñecer este domingo os 14 primeiros integrantes da súa candidatura ás eleccións municipais de maio de 2027 en Ourense. O acto, celebrado nos exteriores do Arquivo Provincial, no Complexo Cultural de San Francisco, serviu para presentar o equipo co que a formación nacionalista aspira a disputar o goberno municipal.
O candidato e actual portavoz municipal do BNG, Luís Seara, foi o encargado de presentar ás persoas que ocuparán os primeiros postos da lista, despois de que a súa candidatura fose anunciada oficialmente o pasado 29 de xuño. Durante a súa intervención, asegurou que se trata dun equipo formado por 'persoas solventes e comprometidas, con experiencia en xestión e preparadas para asumir desde o primeiro minuto o goberno deste Concello'.
Os catorce primeiros postos da candidatura estarán integrados por Luís Seara, Rhut Marina Reza Álvarez, Xosé Manuel Puga González, Erea Blanco Gallego, Xurxo Rodríguez Sánchez, María González Rodríguez, Hadrián Alonso Álvarez, Elena Añel Cabanelas, Xosé Diz Romay, María Novoa Gómez, Félix Souto Iglesias, Laura Magalhaes de Andrade, Máximo Sotelo García e Chelo López Caride. A lista combina aos actuais concelleiros do grupo municipal con novos perfís procedentes da universidade, a docencia, a administración pública, o sindicalismo, o asociacionismo veciñal e cultural, a empresa e diferentes ámbitos profesionais.
Seara defendeu que a candidatura conxuga experiencia institucional con renovación e incorpora tamén persoas independentes comprometidas coa cidade. Segundo afirmou, o obxectivo é conformar un equipo preparado para gobernar desde o primeiro día.
O cabeza de lista sostivo que as enquisas sitúan ao BNG como a principal alternativa ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e asegurou que a formación afronta os próximos comicios coa intención de liderar un cambio no Concello.
Durante a súa intervención, apostou por un modelo de cidade baseado na boa xestión, no diálogo e na planificación, defendendo a necesidade de recuperar os espazos públicos, atraer investimento, crear oportunidades para a mocidade e reforzar a atención aos barrios e ás parroquias. "Ourense precisa cambiar para avanzar", concluíu.