O BNG reclama á Xunta un plan de renaturalización para ampliar as zonas verdes da cidade de Ourense

O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar á Xunta a impulsar un plan de renaturalización na cidade de Ourense. A proposta, presentada polo deputado ourensán Iago Tabarés, solicita que o Executivo galego desenvolva esta actuación en coordinación co Concello, co obxectivo de ampliar e mellorar as infraestruturas verdes, incrementar a masa arbórea e actuar de maneira prioritaria nos barrios con menor presenza destes espazos.
Segundo explica a formación nacionalista, a infraestrutura verde urbana, integrada por parques, zonas axardinadas, arborado viario e espazos naturalizados, constitúe un elemento fundamental para o benestar físico, social e psicolóxico da poboación, ademais dos beneficios ambientais que achega.
Tabarés lembra que o BNG xa advertira en distintas ocasións sobre a perda de patrimonio arbóreo na cidade. Ao seu xuízo, esta situación débese á execución de obras, ao deterioro de numerosos exemplares por falta de mantemento, a intervencións inadecuadas e á localización dalgunhas árbores en espazos incompatibles co seu desenvolvemento.
O deputado tamén fai referencia ao proxecto anunciado polo Concello hai case tres anos para plantar 10.000 árbores na cidade. Segundo sinala, esta iniciativa foi trasladada en outubro de 2023 polo alcalde ao presidente da Xunta, quen manifestou a súa disposición a estudala como medida fronte ao cambio climático e mesmo apuntou a posibilidade de convertela nunha experiencia piloto para outras cidades galegas.
A formación apoia a súa petición nun informe recente da organización Amigas da Terra, elaborado en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, no que Ourense aparece, xunto con Valencia, entre as cidades analizadas con peores resultados no acceso da poboación a zonas verdes.
De acordo cos datos recollidos nese estudo, arredor do 78 % da poboación ourensá non dispón de acceso a unha zona verde considerada axeitada, mentres que só o 9 % do solo residencial da cidade conta con cobertura vexetal, a porcentaxe máis baixa das dez cidades incluídas na análise.
Ante esta situación, o Grupo Parlamentario do BNG solicitará que a Xunta poña en marcha un plan de renaturalización para Ourense que contemple a ampliación e mellora das zonas verdes e do patrimonio arbóreo da cidade, prestando especial atención aos barrios con maiores déficits neste ámbito e establecendo un calendario concreto para a execución das actuacións.