O BNG reclama medidas urxentes para o sector agrogandeiro ourensán fronte á suba de combustíbeis e fertilizantes

OurenseXa
Prantéxanse compensacións polo encarecemento dos insumos agrícolas e maior control sobre a venda por debaixo dos custos de produción, de cara ás eleccións xerais do 29 de novembro
Ourense BNG Noa Presas sector agrogandeiro
9 Nov 2026

O BNG defende a necesidade de que o sector agrogandeiro ourensán conte con representación propia no Congreso para reclamar medidas que garantan a viabilidade económica das explotacións, de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. Dende a formación nacionalista sostense que estes comicios resultan determinantes para o futuro do medio rural e que o sector precisa dunha forza política que leve as súas reivindicacións a Madrid, evitando que os produtores carguen coas consecuencias do encarecemento dos custos.

Entre as propostas plantexadas como resposta inmediata figura a de incrementar as compensacións polo encarecemento dos combustíbeis e os fertilizantes. O BNG sinala que as axudas vixentes por litro de combustíbel resultan insuficientes e que a súa tramitación se demora en exceso. Tamén defende revisar o sistema de apoios para a adquisición de fertilizantes, de xeito que se axuste mellor á realidade do campo galego e non prexudique especialmente ás explotacións de menor tamaño.

Outro dos puntos plantexados é a necesidade de reforzar a vixilancia para evitar que agricultores e gandeiros se vexan obrigados a vender a súa produción por debaixo dos custos que supón producila. Neste sentido, a formación insiste en que as compensacións deben calcularse en función do gasto real das explotacións e chegar sen demoras.

O BNG propón ademais intensificar o control sobre as compañías enerxéticas e distribuidoras para evitar posíbeis prácticas abusivas, fixar topes nos prezos do gasóleo e da gasolina, e pór en marcha medidas excepcionais que permitan paliar as perdas económicas derivadas do alto custo de produción.

Dende a formación nacionalista sublíñase que o futuro do sector agrogandeiro na provincia pasa por lograr prezos xustos e por dispor de representación que defenda os seus intereses de forma firme en Madrid. Insídese, así mesmo, en que esta cuestión ten un carácter estratéxico para Ourense, tanto polo peso desta actividade produtiva como polo seu papel no mantemento do emprego, a fixación de poboación e a vida nas aldeas. Por este motivo, o BNG fai un chamamento a reforzar a representación galega no Congreso co fin de contar con maior capacidade para impulsar medidas concretas en defensa das explotacións, duns prezos xustos e dun medio rural con futuro.

0.18010282516479