O BNG reclama un acceso para ambulancias no centro de saúde de Celanova

OurenseXa
Os nacionalistas levarán ao pleno tres mocións centradas na sanidade, a protección da toponimia tradicional e a humanización de Vilanova dos Infantes
ernesta-seoane
4 Aug 2026

O grupo municipal do BNG de Celanova defenderá no pleno ordinario de agosto tres mocións coas que pretende impulsar melloras na atención sanitaria, preservar a toponimia tradicional e completar a humanización da entrada a Vilanova dos Infantes.

A portavoz nacionalista, Ernesta Seoane, explicou que “levamos a este pleno tres mocións para mellorar os servizos públicos, protexer o noso patrimonio e seguir dignificando os espazos públicos do concello”.

A primeira das iniciativas reclama que a Xunta execute unha actuación para habilitar un acceso axeitado para as ambulancias no Centro de Saúde de Celanova. A proposta tamén contempla solicitar a colaboración do Concello no caso de que sexa necesario facilitar os terreos para desenvolver a intervención.

Segundo indicou Seoane, “a día de hoxe, os traslados de pacientes ao Hospital Universitario de Ourense realízanse coa carga e descarga na propia rúa, fóra do recinto sanitario, sen cuberta, o que afecta á intimidade e á dignidade das persoas trasladadas”. O BNG considera que esta actuación permitiría mellorar a seguridade, a accesibilidade e a privacidade das persoas usuarias do servizo.

A segunda moción céntrase na recuperación e protección do microtopónimo As Madorras. A formación propón que o Concello identifique con este nome o núcleo de poboación situado na estrada entre Celanova e Vilanova dos Infantes e que o actual albergue municipal pase a denominarse Albergue Municipal As Madorras.

A este respecto, a portavoz do BNG sinalou que “trátase dun microtopónimo case esquecido, porque xa non se transmite ás xeracións máis novas”, polo que considera necesario contribuír á súa conservación.

A terceira proposta busca completar a humanización da entrada a Vilanova dos Infantes mediante a instalación dunha nova marquesiña integrada co conxunto histórico e unha actuación de integración paisaxística na zona dos contedores.

Sobre esta iniciativa, Seoane explicou que “a terceira moción ten como obxectivo completar a humanización da entrada a Vilanova dos Infantes mediante a instalación dunha marquesiña adaptada ao contorno da vila e a integración paisaxística da área dos colectores”.

Desde o BNG sosteñen que as tres mocións responden a demandas da veciñanza e teñen como finalidade mellorar os servizos públicos, conservar o patrimonio cultural e seguir poñendo en valor un dos espazos históricos e turísticos máis destacados do municipio.

0.12656998634338