O BNG reclama unha investigación sobre a situación da canceira municipal de Ourense

OurenseXa
Piden a creación dunha comisión mixta entre o Concello e PROGAPE e a comparecencia da responsable do servizo tras anunciarse a imposibilidade de seguir recollendo animais pola falta de espazo
erea-blanco
12 Jun 2026

O BNG de Ourense reclamou a apertura dunha investigación sobre a xestión da canceira municipal tras coñecerse que a protectora encargada do servizo advertiu da imposibilidade de seguir recollendo animais debido á falta de espazo nas instalacións.

A formación nacionalista anunciou que rexistrou a solicitude para convocar unha comisión mixta entre o Concello e PROGAPE, coa participación dos distintos grupos municipais, co obxectivo de analizar en detalle a situación actual da canceira e o funcionamento do servizo. Ademais, pide que a persoa responsable compareza na próxima Xunta de Área para ofrecer explicacións.

Desde o BNG aseguran que levan tempo reclamando información sobre o estado da canceira. Segundo sinalan, trasladaron preguntas tanto nos plenos como nas comisións municipais e solicitaron datos sobre os animais acollidos, pero denuncian que esa información non se facilita de maneira actualizada.

A concelleira nacionalista Erea Blanco considera preocupante a situación actual e cuestiona a eficacia do convenio de colaboración vixente. "Cantos máis cartos se meten nese convenio, menos control se ten do servizo e menos traballo se fai", afirma. A edil sostén que a recente ampliación económica do acordo non se traduciu nunha mellora da xestión, senón "case ao contrario".

O grupo nacionalista lembra que vén advertindo desde hai varios mandatos sobre os problemas da canceira municipal. Neste contexto, critica a actitude do goberno local e propón un modelo alternativo baseado nun servizo de carácter municipal, con maior transparencia, participación do voluntariado e implicación cidadá na concienciación sobre o abandono e o benestar animal.

O BNG tamén considera insuficientes as accións de sensibilización arredor da adopción e do coidado dos animais. "Non se fan colaboracións cos colexios, non se poñen mesas informativas para concienciar sobre a adopción, non se dan paseos cos animais pola cidade", denuncia Blanco, quen define a canceira como unha "fortaleza" afastada da vida diaria da cidade e da relación coa veciñanza.

0.13688898086548