O BNG reivindica en Amoeiro a figura de Otero Pedrayo como referente do nacionalismo galego

OurenseXa
A formación nacionalista celebra un acto de homenaxe ao escritor ourensán no que estivo presentes a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o candidato á alcaldía de Amoeiro, Agustín Gómez Bóveda, e o responsábel local da organización, Marcos Blanco
bng-acto-otero-pedrayo-amoeiro
25 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado en Amoeiro un acto de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, no que se puxo en valor a súa achega intelectual e política e a vixencia do seu pensamento no contexto actual. Na cita participaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o candidato á alcaldía de Amoeiro, Agustín Gómez Bóveda, e o responsábel local da organización, Marcos Blanco.

O encontro serviu para destacar a figura do intelectual ourensán como símbolo do galeguismo e da defensa do país, especialmente en momentos de represión e dificultades históricas. Pontón definiuno como “un símbolo moral do nacionalismo” e salientou a súa coherencia vital na defensa de Galiza, ao tempo que puxo en valor a súa capacidade para manter viva a identidade galega mesmo en contextos adversos.

A líder do BNG tamén subliñou a actualidade dalgunhas das súas denuncias, lembrando a súa crítica ao modelo enerxético da época. Neste sentido, afirmou que “Otero denunciou o feudalismo eléctrico de Fenosa, que hoxe segue plenamente vixente aínda que lle cambiaran o nome”. Pontón advertiu ademais de que os recursos do país non deben quedar sometidos a intereses externos e vinculou esa idea coa defensa dos servizos públicos e do territorio.

Durante a súa intervención, tamén sinalou que a defensa da identidade galega implica, ao seu xuízo, a protección do estado do benestar e da igualdade social, afirmando que “esa bandeira significa defender a sanidade pública, a educación, a atención ás persoas maiores e unha Galiza de mulleres libres, iguais e vivas”.

Pola súa banda, o candidato nacionalista á alcaldía de Amoeiro, Agustín Gómez Bóveda, puxo o foco no vínculo entre Otero Pedrayo e a terra. Definiu ao escritor como “a paisaxe galega feita palabra e sentimento” e reivindicou a relevancia de Trasalba e Amoeiro na formación do pensamento galeguista contemporáneo.

Gómez Bóveda defendeu que o legado do intelectual non pertence ao pasado, senón que mantén plena actualidade. Neste sentido, afirmou que “a defensa da nosa terra, da paisaxe e da soberanía segue nacendo da mesma matriz ideolóxica que naceu en Trasalba”, ao tempo que reclamou maior recoñecemento institucional para a súa figura.

No acto tamén interveu o responsábel local do BNG, Marcos Blanco, quen destacou o compromiso de Otero Pedrayo coa identidade nacional galega e apelou á continuidade do seu legado. Blanco defendeu que o nacionalismo debe seguir conectado co territorio e coa cidadanía, fronte a decisións alleas ao país.

A xornada concluíu cun chamamento conxunto a preservar e divulgar a obra e o pensamento de Otero Pedrayo, destacando o seu papel como referente cultural e político e a súa contribución á construción da identidade galega contemporánea.

 

0.12057995796204