O BNG reivindica en Ourense unha Galicia inclusiva fronte ao avance do racismo e a xenofobia

A defensa dos dereitos das persoas migrantes e a loita contra os discursos racistas e xenófobos centraron este sábado un encontro do BNG en Ourense. A cabeza de lista da formación nacionalista ao Congreso pola provincia, Noa Presas, reivindicou unha sociedade «diversa, plural, inclusiva e con dereitos para todas as persoas» e defendeu o voto ao BNG o próximo 29 de novembro como garantía de igualdade e de políticas contra a discriminación.
Durante a reunión, na que tamén participou o voceiro municipal e candidato á Alcaldía, Luís Seara, Presas abordou os principais retos aos que se enfronta a poboación migrante e trasladou as propostas que a organización pretende defender nas Cortes do Estado.
A candidata alertou da normalización de discursos de odio que, segundo denunciou, sinalan e criminalizan as persoas migrantes. Fronte a eles, reivindicou a defensa dos Dereitos Humanos e sostivo que «ningunha persoa é ilegal» e que todos os seres humanos deben ter garantidos os mesmos dereitos e oportunidades.
Presas rexeitou que se utilice a orixe das persoas para dividir a sociedade ou xustificar recortes de dereitos e reivindicou a contribución da poboación migrante a Galicia e a Ourense. «A diversidade é unha realidade que nos enriquece como país e que debemos protexer, non converter nun problema», afirmou.
Medidas para garantir a igualdade de dereitos
O BNG defende que a igualdade debe traducirse en medidas concretas e políticas públicas que permitan a todas as persoas acceder en condicións de igualdade á vivenda, ao emprego digno, á sanidade, á educación e ao conxunto dos servizos públicos.
Entre as propostas que a formación nacionalista levará a Madrid figura impulsar as reformas lexislativas necesarias para garantir os dereitos da poboación migrante en todos os ámbitos, así como reforzar os recursos humanos e materiais das oficinas de estranxeiría para axilizar os procedementos administrativos e mellorar a atención.
A organización tamén propón combater calquera forma de discriminación e racismo tanto nas administracións públicas como no conxunto da sociedade, ademais de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e solicitantes de asilo e avanzar na súa inclusión social e laboral.
Presas concluíu que as eleccións do 29 de novembro tamén decidirán o modelo de sociedade que se quere construír: «Unha sociedade que exclúe e sinala ou unha Galiza que acolle, integra e garante dereitos». Neste sentido, defendeu que o BNG levará ao Congreso unha voz propia para reivindicar a igualdade, a convivencia e os dereitos de todas as persoas fronte a quen utiliza o racismo e a xenofobia como ferramenta política.