O BNG reprocha á Xunta o atraso na reforma do CEIP Luís Acuña e reclama actuacións inmediatas no centro

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, volveu reclamar este xoves no Parlamento de Galicia que a Xunta cumpra o compromiso adquirido coa reforma integral do CEIP Luís Acuña, unha actuación que, segundo lembrou, fora anunciada polo Goberno galego en 2023 e que, asegura, continúa sen licitarse.
A parlamentaria nacionalista incidiu en que xa formulara esta mesma cuestión no mes de febreiro e criticou que, malia as promesas realizadas entón, o proceso siga sen avanzar. Segundo afirmou, durante o último curso rexistráronse problemas de frío, goteiras e benestar no centro, ademais do peche de dúas aulas, unha situación que motivou as protestas das familias e da comunidade educativa. “Despois de preguntar en febreiro e prometer en días a licitación esta aínda non saiu e o único que está previsto é arranxar os baños de patio no verán, algo necesario pero absolutamente insuficiente”, asegurou Presas.
Na mesma sesión parlamentaria, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reiterou que a licitación da rehabilitación integral está prevista para este ano, cun investimento superior ao millón de euros. Segundo explicou o Goberno galego, o proxecto está practicamente rematado e tramitarase como anticipado de gasto, coa previsión de adxudicar as obras nos primeiros meses de 2027 e rematalas a comezos de 2028.
Con todo, a deputada do BNG lembrou que en febreiro de 2026 o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Álvarez Bértolo, xa anunciara que a licitación era inminente, sen que finalmente chegase a producirse.
“A promesa de 2023 é da Xunta do PP, non da oposición, por moito que agora acusen, de feito anunciaron que se licitarían as obras ao longo do 2024 para comezar a finais dese mesmo ano e a realidade é que non o fixeron nin no 2024 nin no 2025, se o fan por fin en outubro ou novembro de 2026 estaremos vixiantes pero non quita a súa incompetencia porque van ser outros dous invernos sen reforma rematada e polo tanto pedímoslle que tomen tamén medidas para paliar a situación que se deu este curso escolar e non desaproveiten o verán”, afirmou.
Presas criticou tamén que a Xunta anunciase esta semana investimentos noutros centros educativos galegos para executar durante o verán sen incluír o CEIP Luís Acuña entre esas actuacións.
Por último, lamentou que o Goberno galego responsabilice ás familias e ao BNG da situación e destacou o papel desempeñado pola ANPA e pola dirección do centro na reivindicación da reforma, ao considerar que, sen ese traballo, o compromiso seguiría sen contar con prazos concretos.