PSdeG e BNG esixen explicacións ao Goberno de Jácome polo derrubo da antiga Casa de Baños do Outeiro

OurenseXa
Os dous grupos municipais cuestionan as autorizacións e informes que sustentan a actuación e reclaman coñecer o proxecto previsto para o futuro do inmoble histórico
casa-de-baños-outeiro-ourense
11 Aug 2026

Os grupos municipais do PSdeG e do BNG reclaman ao Goberno de Gonzalo Pérez Jácome explicacións sobre as actuacións que se están a realizar na antiga Casa de Baños do Outeiro, en particular polo derrubo do inmoble que se está executando estes días. Ambas formacións cuestionan o procedemento seguido e piden información sobre as autorizacións, os informes técnicos e o proxecto previsto para o espazo.

A portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, considera “absolutamente necesario” que o executivo local explique á cidadanía que actuacións se están a desenvolver, con que autorizacións e informes técnicos se están levando a cabo, cal é o alcance do derrubo e que proxecto ten previsto o Concello para este espazo histórico da cidade.

“Non debemos aceptar que se actúe sobre un edificio tan relevante para a historia e o patrimonio termal de Ourense sen dar explicacións. Precisamos non só saber que se está a facer, senón por que se está a facer así e, sobre todo, que pensa facer o Concello a partir de agora”, sinala a socialista.

González lembra que o grupo municipal xa presentara por escrito unha solicitude de información para coñecer con carácter urxente as actuacións que se estaban realizando na antiga Casa de Baños, así como as intervencións posteriores previstas.

A última petición formulouse despois do incendio rexistrado na madrugada do 15 de maio de 2026. Segundo as socialistas, aquel suceso puxo de manifesto o estado de abandono e deterioro dun dos elementos máis representativos do patrimonio termal de Ourense. Daquela, o PSdeG reclamou a elaboración dun plan específico para a protección, recuperación e posta en valor do inmoble.

“Levamos anos reclamando actuacións na Casa de Baños e advertindo de que o abandono e a falta de planificación podían conducir a unha perda irreversible deste edificio. Agora atopámonos con que o Concello procede ao derribo e seguimos sen coñecer cal é o seu plan. Non se pode gobernar unha cidade deste xeito, improvisando e dando a veciñanza a información a posteriori”, lamenta Natalia González.

Precisamente, no pleno ordinario do pasado mes de xuño, o grupo socialista presentou unha moción, que foi aprobada, para impulsar a rehabilitación, recuperación e posta en valor da antiga Casa de Baños. A iniciativa incluía tamén a elaboración dun plan específico para a protección e recuperación do patrimonio termal da cidade.

Entre as propostas da moción figuraba que o Goberno municipal concorrese ás convocatorias de axudas dispoñibles para a rehabilitación do patrimonio histórico e turístico. Tamén se reclamaba poñer en valor a historia do inmoble como parte fundamental da identidade de Ourense.

Por este motivo, o PSdeG esixe ao Goberno de Jácome que facilite toda a documentación relacionada coas actuacións xa realizadas, así como os informes técnicos nos que se sustentan e as autorizacións correspondentes. O grupo socialista reclama igualmente coñecer o proxecto previsto para o futuro da parcela e que se cumpra o acordo aprobado polo pleno municipal.

O BNG cuestiona o cumprimento da normativa patrimonial

O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, responsabiliza directamente o Goberno de Jácome do derrubo da antiga Casa de Baños do Outeiro e atribúe a actuación á “deixadez” do Executivo local, ao que cualificou de “ocupas” do Concello.

Seara lembra que hai varios anos se impulsou unha iniciativa municipal para poñer en valor o edificio, pero finalmente “nada se fixo”. Para o portavoz nacionalista, a situación actual é consecuencia da falta de actuación do Goberno municipal.

O BNG centra parte das súas críticas no posible cumprimento da normativa urbanística e de protección patrimonial. Seara explica que o Plan Xeral establece que, antes de proceder á demolición dun edificio catalogado, como considera que é a antiga Casa de Baños do Outeiro, debe existir un proxecto de rehabilitación.

A formación sinala ademais que non ten constancia de que nos últimos días se reunise a Comisión Técnica Municipal de Protección de Bens Culturais para abordar a intervención. Seara cualifica esta situación de “auténtico disparate de proporcións siderais que demostra quen está ao volante do Concello e o pouco que lle importa o noso patrimonio”.

O portavoz do BNG engade que, con carácter xeral, calquera edificio declarado en estado de ruína debe contar antes dunha actuación cun proxecto que determine, cando menos, o alcance das obras previstas. No caso da antiga Casa de Baños, sinala, a intervención consiste na demolición do inmoble.

Os nacionalistas tamén descartan que o derrubo poida xustificarse como unha obra de emerxencia. Seara argumenta que desde o incendio non se realizou ningunha actuación no edificio, polo que, ao seu xuízo, “se fose unha emerxencia, xa se tería actuado”.

Segundo explica o portavoz do BNG, a normativa permite que no caso das obras de emerxencia o proxecto se redacte con posterioridade á actuación, pero debe existir igualmente. A formación denuncia que neste momento “non hai proxecto nin documento técnico ningún que determine que tipo de obras se están a executar nin cales se van realizar”.

Por outra banda, o BNG pon o foco na ficha particular do inmoble, na que a antiga Casa de Baños do Outeiro figura cun grao de protección estrutural. Segundo a formación nacionalista, esta ficha establece que calquera intervención debe someterse ao ditame da Comisión Técnica Municipal de Protección de Bens Culturais (CTMPBC).

Os nacionalistas aseguran que este trámite non foi levado a ningunha comisión e cuestionan, por tanto, o procedemento seguido para executar o derrubo do edificio.

0.14215302467346