O BNG rexeita a proposta orzamentaria do Concello de Ourense por “importantes deficiencias” no proxecto

OurenseXa
Os nacionalistas presentaron unha emenda de devolución ao considerar que o documento chega incompleto
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco. BNG Ourense
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco. BNG Ourense
11 May 2026

O Grupo municipal do BNG rexistrou unha emenda de devolución ao Proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o exercicio 2026, ao entender que o expediente remitido polo Goberno local presenta importantes deficiencias que impiden a súa correcta valoración.

Tal e como xa adiantara o portavoz do grupo, Luís Seara, os nacionalistas sosteñen que o documento chega incompleto, xa que non inclúe o informe da Intervención Xeral, un elemento que consideran imprescindible para a súa tramitación. Neste sentido, o BNG advirte de que non é axeitado abrir o prazo de emendas sen dispoñer da totalidade da documentación.

O grupo tamén expresa dúbidas sobre aspectos formais do procedemento seguido para a apertura do período de emendas, cuestionando se o órgano competente debería ser a Comisión de Pleno en lugar da Xunta de Goberno Local.

En relación coas Bases de Execución do orzamento, o BNG sinala que estas “consolidan o modelo iniciado coas do exercicio 2025”, e advirte de que a súa aprobación reforzaría un sistema de xestión que, segundo a súa valoración, limita as funcións de control e fiscalización do pleno, outorgando maior capacidade de decisión ao goberno municipal.

Así mesmo, o grupo nacionalista considera que o proxecto orzamentario podería reproducir problemas xa detectados en exercicios anteriores, especialmente no relativo ao Capítulo I, vinculado á negociación colectiva do persoal. Neste sentido, lembran que situacións similares derivaron na anulación parcial de orzamentos anteriores por resolución xudicial, como ocorreu co exercicio 2020, e que o orzamento de 2025 atópase actualmente xudicializado por motivos semellantes.

Por todo iso, o BNG solicita que o expediente sexa completado antes de continuar a súa tramitación, co obxectivo de poder analizalo con garantías e na súa totalidade.

0.11810088157654