O bus urbano da cidade modificará os seus percorridos polo paso do Rallye de Ourense 2026

OurenseXa
Comezarán o venres pola tarde e inclúen desvíos, paradas provisionais e restricións previas o xoves
autobuses-urbanos-ourense-pavillon-dos-remedios
11 Jun 2026

A celebración do Rallye de Ourense 2026 obrigará a modificar os percorridos de varias liñas do servizo de autobuses urbanos da cidade desde o venres 12 de xuño, ás 18.00 horas, ata o sábado 13. Os cortes de tráfico previstos farán necesario o uso de itinerarios e paradas provisionais. Ademais, o xoves 11 de xuño, a partir das 19.30 horas e ata as 00.00 horas, haberá restricións operativas e cortes puntuais nos viais afectados polo itinerario da proba.

As liñas máis afectadas pola restrición do eixo central serán a 1, 2, 3, 7, 8, 10, 11, 12, 14A, 14B e 16, que modificarán os seus percorridos habituais. En sentido Curros Enríquez, os autobuses circularán por detrás da Subdelegación do Goberno, quedando anulada a parada do Parque de San Lázaro, que será substituída por unha parada provisional no carril situado nesa mesma zona. En sentido Xardín do Posío, os vehículos desviaranse pola avenida da Habana e a rúa do Progreso, con cambios tamén na parada de Xoán XXIII, que pasará a ser provisional no carril bus de Curros Enríquez.

Tamén se verán afectadas varias liñas con itinerarios alternativos. A liña 4 (Eirasvedras – Antiga estación de autobuses – Seixalbo) modificará o seu percorrido en ambos sentidos con paradas provisionais en zona da rúa Concello e detrás da Subdelegación do Goberno. A liña 5 (Reza – Ceboliño Pobo) e a liña 6 (Antiga estación de autobuses – As Curuxeiras) tamén experimentarán desvíos polas rúas Pardo de Cela, Progreso, Xoán XXIII e Curros Enríquez, con cambios nas paradas habituais.

Pola súa parte, a liña 9 (A Chavasqueira – Mende – Cemiterio de Velle) circulará por Curros Enríquez, Habana e Progreso con paradas provisionais en Xoán XXIII, mentres que a liña 13 (Universidade Laboral – A Cuña – Palmés) e a liña 15 (Praza Maior – O Tinteiro – Praza Maior) tamén adaptarán os seus percorridos ás restricións derivadas do evento.

O Concello recomenda aos usuarios consultar con antelación as modificacións previstas e utilizar as paradas provisionais habilitadas durante o desenvolvemento do Rallye de Ourense 2026.

0.12512302398682