O campamento "Arte nas mans" achega a artesanía tradicional a unha trintena de mozos e mozas en Allariz

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este mércores a segunda edición do campamento Arte nas mans, que se desenvolve en Allariz e está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
A actividade forma parte da programación Modo Verán Activo, impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude, e conta co patrocinio da Fundación Artesanía de Galicia.
O campamento ten como obxectivo ofrecer unha alternativa de lecer educativa e saudable á mocidade, promovendo o coñecemento do patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia a través da aprendizaxe de diferentes oficios artesanais.
Nesta edición participan 29 persoas, que teñen a oportunidade de iniciarse en técnicas como o tecido manual, o tinguido de téxtiles, o torno cerámico, a transferencia de imaxes en cerámica, o bordado sobre fotografía e a marroquinería.
Os obradoiros están impartidos por Variopinto, Carlos San Claudio, Peixesapop e Misoco, profesionais inscritos na marca Artesanía de Galicia.
A programación complétase con actividades de convivencia e desenvolvemento persoal nunha contorna natural, co obxectivo de achegar á mocidade os valores da artesanía e a súa relación co territorio. Entre as propostas inclúense rutas fotográficas pola natureza e xogos na contorna do río Arnoia.
Durante a visita, Gabriel Alén lembrou que a Xunta puxo en marcha este ano unha nova liña de axudas dotada con 1 millón de euros dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional, destinada a incentivar a contratación de aprendices en oficios tradicionais.
A convocatoria subvencionará contratos formativos a xornada completa durante un período mínimo de doce meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, cunha previsión de beneficiar arredor de 50 persoas.
O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible.