O Campamento Galideporte regresa a San Cibrao das Viñas este verán

O verán de 2026 contará cunha nova edición do Campamento Galideporte San Cibrao, unha proposta dirixida a nenos e nenas con diferentes actividades deportivas, culturais e de lecer adaptadas ás idades dos participantes.
A iniciativa desenvolverase entre o 29 de xuño e o 17 de xullo, de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 horas. Está destinada a menores nados entre 2010 e 2020 e levarase a cabo nas instalacións de Pontenoalla, Soutopenedo e A Boutureira.
O programa inclúe disciplinas como fútbol, baloncesto, atletismo, natación, waterpolo, boxeo e sendeirismo, ademais de actividades culturais como música e baile, entre outras propostas orientadas ao ocio activo.
Co obxectivo de facilitar a conciliación familiar, o campamento contará tamén con servizos complementarios: madrugadores desde as 7:30 horas e horario de mediodía ata as 14:30 horas.
O prazo de inscrición abrirase na web oficial do programa entre o 1 e o 15 de xuño. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición ata completar o límite dispoñible.
Segundo a organización, trátase dunha actividade pensada para fomentar hábitos saudables, o traballo en equipo, o compañeirismo e o respecto pola contorna natural a través da práctica deportiva e o lecer educativo.