O Campamento Urbano de Amencer supera os 1.000 participantes na súa 39ª edición

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, participaron esta mañá nas escaleiras de Santa María Nai nun encontro coa rapazada que participa no Campamento Urbano organizado pola Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración do Concello de Ourense.
A iniciativa, que ofrece actividades gratuítas entre o 3 e o 13 de agosto, alcanza este ano a súa 39ª edición e supera os 1.000 participantes, entre os nenos e nenas do campamento infantil, a modalidade xuvenil e os monitores. Segundo destaca a organización, trátase dun récord de participación desde a pandemia.
Gonzalo Pérez Jácome destacou o “tremendo labor” desenvolvido por Amencer e polos Salesianos ao longo das décadas de traxectoria desta actividade na cidade. O alcalde explicou que xa coñece “varias xeracións” de participantes no campamento e asegurou que “para os que pasamos o verán en Ourense é unha marabilla contar con este campamento”.
O rexedor aproveitou tamén para convidar a mocidade a gozar da eclipse solar prevista para mañá, 12 de agosto, lembrándolle que deberá facelo “coas medidas de protección adecuadas”. Ademais, animou os participantes a acudir ás próximas citas do calendario festivo local, entre elas o Halloween, o Nadal e o Entroido.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Tamara Silva, puxo de relevo que o Campamento Urbano “crece cada ano en número de participantes”. A responsable municipal sinalou tamén que moitos dos asistentes repiten a experiencia ao longo dos anos e terminan converténdose en monitores.
“Estamos encantados de colaborar desde o Concello de Ourense con Amencer, convidovos a gozar da cidade, tamén durante o verán”, afirmou Silva.
O encontro celebrado esta mañá forma parte do Día da Boa Xente, unha xornada na que os participantes poden compartir experiencias cos servizos públicos e coñecer de preto o traballo que desenvolven no municipio.
A Praza Maior acolleu con motivo desta actividade unha mostra de medios humanos e vehículos de diferentes servizos e corpos. Na exposición participaron a Policía Local, a Policía Autonómica, a Policía Nacional, a Garda Civil, os Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, 061, os servizos municipais de limpeza e os autobuses urbanos, así como Medio Rural da Xunta de Galicia.
O Día da Boa Xente intégrase nunha programación máis ampla de actividades temáticas que comezou o pasado 3 de agosto. Entre as propostas desenvolvidas figuran o Día da Benvida, Cultura Urbana, Deportes, Xuntanza na Praia, Entroido por Barrios e o Día da Provincia.