O Campionato Galego de Jiu Jitsu reunirá este domingo en Ourense a 250 deportistas

Este domingo, 23 de febreiro, disputarase no pavillón anexo de Os Remedios o Campionato Galego de Jiu Jitsu masculino. O campionato está patrocinado polo Consello Municipal de Deportes e organizado polo departamento de Jiu Jitsu e a delegación ourensá da Federación Galega. Será a cuarta ocasión consecutiva que se celebre en Ourense e a organización pretende que sexa unha festa desta Arte Marcial.
A provincia de Ourense presentará un centenar de loitadores en diferentes modalidades e categorías durante esta competición, que comezará ás 10.30 horas.
As categorías en disputa, ademais das xa clásicas de Loita sénior masculina e feminina Absoluta, Cadete (nados en 2008 e 2009) e Júnior (2005 a 2007), Dúo masculino e feminino e Ne Waza (loita restrinxida ao chan), inclúen, por terceira vez en Ourense, as de formación.
Son as categorías Promesas A (nados entre 2019 e 2021), Promesas B (nados entre 2016 e 2018), C (nados entre 2013 e 2015) e D (de 2010 a 2013), todas en modalidade Ne Waza.
Será, polo tanto, a primeira competición para moitos jiujitsukas ourensáns. Para o seleccionador galego e subcampión do mundo Felipe Iglesias, o evento ten un dobre obxectivo: “En categorías de formación, seguir promocionando esta modalidade e que os nenos desfruten”.
Para axilizar o ritmo do campionato, as categorías promesas, cadete e júnior competirán pola mañá, a partir das 10.30 horas, mentres que a categoría absoluta disputarase pola tarde, a partir das 16.15 horas. A pesaxe sénior comezará ás 15.30 horas.
En canto á categoría absoluta, Iglesias espera ver “o mellor nivel posible e a composición definitiva da próxima convocatoria”. Deste torneo, “máis do traballo realizado durante toda a tempada”, sairá a selección que representará a Galicia no próximo Campionato de España.
Unha vez máis, as provincias da Coruña e Ourense serán as máis representadas e aspirarán a un maior número de podios.