O Campus Auga entrega os Premios de investigación, transferencia e divulgación científica

OurenseXa
Os galardóns recoñecen o esforzo do persoal docente e investigador, así como do alumnado da Universidade
Premios Campus Auga 2025
Premios Campus Auga 2025
10 Feb 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, referiuse ao Campus da Auga como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor de desenvolvemento territorial na provincia. Así o manifestou esta tarde no acto de entrega dos Premios de investigación, transferencia e divulgación científica do Campus da Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense para recoñecer o esforzo do persoal docente e investigador e alumnado da Universidade.

O delegado territorial puxo en valor o convenio que vén de asinar a Xunta e a Universidade de Vigo, para impulsar o Campus Auga tras acadar a súa acreditación como campus de especialización. Con este novo acordo elevan a 11,8 millóns de euros, o investimento desde 2013 para convertelo nunha das sinerxías científicas de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural.

Tras agradecer á Vicerreitora da Universidade de Vigo a súa presenza no acto, Manuel Pardo subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o potencial de Ourense, segunda cidade europea en potencial termal (despois de Budapest) con máis de 4 millóns de litros de auga mineromedicinal.

Neste liña, o representante do Goberno galego lembrou que a Xunta ven de elaborar o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 dotado de 10 millóns de euros para, ademais de consolidar a nosa posición privilexiada neste sector, potenciar os atributos de calidade do termalismo galego, reforzar a profesionalización no turismo termal, e impulsar a actividade turística das contornas rurais e promocionar e comercializar novos produtos turístico.

Os premios

O obxectivo destes galardóns é premiar os esforzos dos/as investigadores/as que contribúan a desenvolver a singularización do Campus Auga, a través do seu traballo nos eidos da alimentación funcional, da agricultura e medio ambiente, e da xestión da auga; xa que a investigación é un elemento esencial para a mellora da competitividade e sustentabilidade das sociedades actuais, que mediante a innovación permite traducir as oportunidades xeradas polos desenvolvementos científicos e tecnolóxicos en novos produtos e servizos, así como en posibilidades de traballo e benestar para a sociedade.

Os premios, do mesmo xeito que en edicións anteriores, teñen cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica.

0.17979001998901