O Campus Auga premiará os mellores traballos de investigación, transferencia e divulgación da UVigo

OurenseXa
A convocatoria premiará accións destacadas que contribúan a consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga
Presentación da sexta edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga
4 Sep 2024

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, convoca a sexta edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, cos que busca busca os mellores traballos de investigación, transferencia e divulgación feitos na UVigo.

Os galardóns están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través do convenio de colaboración que ten a asinado a Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga e do convenio que ten coa empresa Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia SAU.

A convocatoria, explican desde a UVigo, está destinada a premiar accións destacadas do persoal docente e investigador, persoal investigador e estudantado da Universidade de Vigo no ámbito da investigación, transferencia e a divulgación científica que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga. Trátase, sinalan, de contribuír con eles a mellorar a proxección investigadora e social do “campus de Ourense-Campus Auga como un campus líder nestas temáticas”.

Cinco modalidades de galardóns

Son cinco as modalidades dos galardóns. Na categoría de premios de investigación distinguiranse traballos fin de grao e fin de mestrado; tese de doutoramento e contribucións científicas de alto impacto publicadas en 2021, 2022 ou 2023. Na categoría de premios de transferencia quérese “distinguir os resultados relevantes de transferencia, entendendo como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo e finalizado en 2021, 2022 ou 2023”. Por último, cos premios de divulgación científica quérese tamén distinguir accións e actividades deste tipo realizadas no mesmo periódico e que contribúan á promoción do Campus Auga e a divulgar a acción e o coñecemento científico producido no seu seo.

Os premios están dotados con diferentes contías económicas segundo a modalidade e un diploma acreditativo. O orzamento máximo total dos galardóns é de case 9.000 euros. Excepto en divulgación científica, onde haberá, en cada unha das modalidades, tres premios en metálico, un por cada unha das seguintes temáticas: alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga. O prazo de presentación de solicitudes abrangue do 10 ao 22 de setembro de 2024.

0.18474793434143