O campus de Ourense acollerá a segunda edición do Aldaba-TIC Camp

OurenseXa
O obxectivo deste campamento, que terá lugar a última semana de xuño, é espertar vocacións tecnolóxicas entre a rapazada de entre 6 e 12 anos
campus-tic-uvigo-ourense
Aldaba-TIC Camp
23 Maio 2024

A última semana de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá a segunda edición do Aldaba-TIC Camp, o campus tecnolóxico de verán con perspectiva de xénero posto en marcha pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business e destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.

A actividade desenvolverase do 24 e 28 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 horas, con servizos opcionais de madrugadores e comedor. As 30 prazas dispoñibles están destinadas a nenas e nenos nados entre os anos 2012 e 2018, ambos incluídos, apaixonados pola tecnoloxía. Ao igual que na anterior edición a acollida desta iniciativa é excelente e as prazas para asistir esgotáronse ao pouco tempo de activarse a matrícula.

O obxectivo deste campamento, sinalaan desde a UVigo, é espertar vocacións tecnolóxicas a idades temperás, darlle a coñecer o mundo TIC á rapazada e axudarlle a desenvolver habilidades dunha maneira divertida, en liña cun dos principais retos da cátedra organizadora, que é fomentar as vocacións TIC entre nenas e mozas. Así, como en anteriores edicións resérvase un 80% das prazas para nenas. As carreiras TIC, e especialmente a enxeñaría informática, lembran desde Aldaba WIB, “teñen unha moi baixa presenza feminina que non fai máis que diminuír nos últimos anos”. Isto, detallan, “implica que nos estamos perdendo o talento de todas estas mulleres e que a tecnoloxía do futuro podería estar nesgada ao faltar a visión das mulleres na súa construción”. Neste contexto, sinalan que “moitos estudos determinan que os nenos e nenas teñen un interese similar pola tecnoloxía e as matemáticas ata aproximadamente os 6-8 anos. A partir deste punto, as nenas comezan a perder interese e a sentirse menos capacitadas en matemáticas e tecnoloxía (aínda que os resultados académicos no campo son iguais en nenos e nenas)”.

Nesta segunda edición as e os participantes terán como reto “explorar o fondo do mar”, titulándose o campamento Misión nas Profundidades. Arredor desta temática nenas e nenos empregarán programas de deseño e impresión 3D, robots, domotización, drones submarinos e diversas aplicacións. As actividades realizadas serán impartidas por Play Code Academy e investigadoras da Universidade de Vigo e estarán adaptadas ás idades e coñecementos do alumnado.

 

0.12872385978699