O campus de Ourense acollerá unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán Aldaba-TIC Camp

OurenseXa
A proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e busca fomentar o interese pola tecnoloxía desde idades temperás.
Aldaba-TIC Camp
20 May 2026

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá do 22 ao 26 de xuño unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán Aldaba-TIC Camp, unha iniciativa destinada a achegar ao público infantil ao ámbito dixital dun xeito práctico e lúdico.

A proposta ten como principal obxectivo promover o interese pola tecnoloxía desde idades temperás, introducindo aos participantes no ecosistema TIC e fomentando o desenvolvemento de habilidades técnicas e competencias dixitais mediante actividades adaptadas á súa idade.

O campamento está impulsado pola Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT & Business), un proxecto conxunto das universidades de Vigo e A Coruña xunto coa empresa Aldaba, que promove este tipo de experiencias educativas no ámbito tecnolóxico.

Baixo o lema “Aventura STEM: Viaxe no tempo”, a actividade formula unha dinámica baseada en retos nos que se combinan historia e innovación. Durante os cinco días de duración, os participantes traballarán con contidos relacionados coa robótica, programación, deseño e impresión 3D, drons, intelixencia artificial e ciberseguridade, sempre cun enfoque práctico e participativo.

Desde a organización sinalan que o campamento non só busca a adquisición de coñecementos tecnolóxicos, senón tamén o desenvolvemento de competencias como o traballo en equipo, a creatividade, a iniciativa e a capacidade de aprendizaxe autónoma, ademais de favorecer a convivencia entre os menores.

Un dos eixes do programa é a promoción da igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico, motivo polo que o 80% das prazas están reservadas para nenas, co obxectivo de impulsar vocacións STEM desde idades temperás.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de maio. A actividade ten un custo de 99 euros, con posibilidade de subvención parcial.

0.12339401245117