O campus de Ourense acollerá unhas xornadas de promoción do ensino rural

OurenseXa
O obxectivo é visibilizar as necesidades e singularidades dos centros educativos rurais da provincia de Ourense
edificio_ferro_campus_ourense_uvigo
Edificio de Ferro, Campus de Ourense
9 Apr 2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá este xoves pola tarde, 11 de abril, a celebración das I Xornadas de promoción do ensino rural. Os seus obxectivos son visibilizar as necesidades e singularidades dos centros educativos rurais da provincia de Ourense, amosar as posibilidades e oportunidades pedagóxicas que presentan este tipo de centros e promocionar que o alumnado universitario realicen neles as súas prácticas académicas.

A cita está organizada pola Delegación de Alumnado da citada facultade co apoio do propio centro. Ao longo da sesión, responsables e docentes de catro centros rurais da provincia de Ourense exporán ao público asistente as súas experiencias educativas. Concretamente participarán o Centro Rural Agrupado Amencer (Ribadavia), o CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), o CPI Antonio Faílde (Coles) e o CPI Virxe da Saleta (Cea). Aínda que están especialmente dirixidas ao alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria que se imparten no campus, as xornadas están abertas á asistencia das persoas interesadas.

Jairo Rodríguez, representante de alumnado, explica que a idea de facer estas xornadas nace da convicción de que “é importante reivindicar o ensino rural entre as futuras e futuros mestres” que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social, espertando o seu interese por el desde a etapa universitaria. En Galicia, indican desde a organización das xornadas, tendo en conta as características do seu territorio, o ensino predominante é o ensino rural, sendo un destino habitual do profesorado de Educación Infantil e Educación Primaria tras superar as oposicións.

Coa idea de que o alumnado teña unha visión axustada á realidade do ensino rural e ás súas potencialidades, as e os responsables dos catro centros convidados, detalla Jairo Rodríguez, “falarán sobre as súas experiencias, os seus proxectos, como traballan, como é o seu alumnado e como é a súa forma de entender a educación”. Os centros elixidos, indica, “son coñecidos por ter características pedagóxicas notables” e permitirán ao alumnado asistente achegarse ás “oportunidades que lles ofrece facer prácticas ou traballar nun centro deste tipo”. Así, destacan desde a organización das xornadas, o ensino rural conta cun número de estudantes por aula máis baixo que o de zonas urbanas e unha implicación máis directa coa súa contorna e familias, o que permite desenvolver proxectos pedagóxicos de moito interese.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17690587043762