O campus de Ourense alcanza taxas de ocupación históricas superiores ao 100%

OurenseXa
No Campus de Ourense, das 19 titulacións de grao e dobres graos existentes só quedan prazas en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria e Turismo
O campus de Ourense da a benvida aos novos estudantes para o curso 2024:2025
5 sep 2024

O Campus de Ourense deu a benvida aos preto de mil novos estudantes que comezarán o vindeiro luns, 9 de setembro, o curso académico na Universidade de Vigo.

A xornada celebrada este mércores, 4 de setembro, que contou cun gran éxito de participación, tivo por obxectivo dar a coñecer aos novos estudantes os servizos e instalacións que teñen á súa disposición. A de Ourense foi a primeira das xornadas que se están a desenvolver nos tres campus da UVigo.

En total, a institución académica viguesa ofertou para o curso 2024/2025 un total 3.836 prazas de novo ingreso de grao e 1.733 de mestrado. Entre as novidades destaca un novo título, o Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual, o primeiro deste tipo que se imparte en Galicia. Xa en mestrado, a UVigo incorpora dous novos títulos interuniversitarios, os de Biofabricación e Internet das Cousas-IoT.

Tamén se ofertan por primeira vez os Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS) no ámbito da enxeñaría, sendo a UVigo tamén a primeira universidade do SUG en contar con eles.

A finalidade destes programas é que o estudante reforce a súa formación integral vinculando o título de grao e mestrado, tendo a oportunidade de matricularse no mestrado antes de rematar o seu grao.

Récord de matriculacións en toda a UVigo

Cando aínda está aberto o prazo de matrícula, os datos de alumnado de novo ingreso son xa os mellores de toda a serie histórica de ocupación da UVigo. O reitor, Manuel Reigosa, destaca que as taxas de ocupación son superiores ao 100% nos tres campus da institución académica.

No Campus de Ourense, das 19 titulacións de grao e dobres graos existentes só quedan prazas en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria e Turismo.

Uns datos que, segundo apunta, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, amosan o crecemento que este campus está a experimentar nos últimos anos. “Comezamos contentísimos este novo curso”, asegura. “O campus de Ourense medra ano a ano en número de alumnos e as enquisas de satisfacción amosan que o noso estudantado está moi satisfeito, tanto do que aprende nas aulas como da súa experiencia vital aquí”.

0.20687007904053